O Festival Primavera do Cine en Vigo presenta a súa VII edición e abre o prazo para a inscripción de obras audiovisuais

O festival Primavera do Cine, que celebrará a VII edición do 9 o 13 de maio, abre o prazo da recepción de traballos a concurso.
Publicado por o día 18/01/2018 na sección de Galicia,Vigo
O Festival Primavera do Cine en Vigo presenta a súa VII edición e abre o prazo para a inscripción de obras audiovisuais

Reencanto Produccións, asociación organizadora do Festival Primavera do Cine, presentou hoxe as bases para concorrer ó certame que terá lugar entre o 9 e o 13 de maio. Tódolos cineastas ou produtoras que queiran enviar os seus proxectos poderán facelo inscribíndose na web do festival dende o 18 de xaneiro ata o 28 de febreiro.

Coma ven sendo habitual, os proxectos deberán ser de produción galega ou portuguesa e poderanse entregar tanto curtametraxes coma longametraxes e videoclips.

Así mesmo e seguindo a tradición doutros anos, o Primavera do Cine traerá ata Vigo a un país invitado que, desta vagada, será Brasil. Deste xeito será posible coñecer tanto a súa tradición cinematográfica coma as obras que se están a facer actualmente pero que por diversas circunstancias non teñen gran proxección nas salas comerciais galegas.

Trátase dun certame que, en palabras do seu director, Juan de Castro, vai sorprender: “Imos ter unhas producións tanto galegas como portuguesas e brasileiras moi potentes. Os mellores traballos do ano terémolos no Primavera do Cine desta edición”.

Ademáis, o festival pretende tamén organizar actividades ó aire libre para achegar o cinema ós veciños da cidade. Barrios coma Coia ou o Calvario, entre outros, poderán gozar dunha coidada selección de filmes feitos en Galicia e Portugal.

Por outra banda e, seguindo o obxectivo de facer un certame máis aberto e colaborativo, o Primavera do Cine buscará estreitar relacións cos diferentes axentes culturais da cidade coma o Festival Sinsal ou o Festival Nun Local. Tamén, dentro das actividades do festival, se levará a cabo unha mesa redonda cos directores doutros grandes festivais de Galicia e Portugal.

O FESTIVAL

O Primavera do Cine seguirá apostando pola visibilización do cine galego e lusófono polo que na súa sétima edición manterá as dúas seccións orixinais (galega e portuguesa) coas tres categorías xa tradicionais: curtametraxes, longametraxes e videoclips, mais un apartado especial adicado a animación, un cine que ten cada día máis adeptos e do que temos grandes referentes coma o gañador de tres Goyas, Alberto Vázquez .

O certame contará tamén cun xurado profesional composto por diversas personalidades destacadas do audiovisual e que será o encargado de escoller e seleccionar os mellores traballos de cada unha das categorías abertas a concurso tanto na sección galega coma na lusófona. Igualmente, e coma é xa habitual no Primavera do Cine en Vigo, haberá un premio especial do público, outorgado mediante votación popular.

As proxeccións das longametraxes terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo, no Instituto Camões poderanse ver os filmes lusófonos e no Marco, as curtametraxes galegas e portuguesas.  Actualmente a organización do festival está en conversas coa sede de AFundación para a ampliación do certame a un cuarto escenario aínda que está pendente de confirmación.