Fichas gratis nas atraccións das Festas das Dores para as nenas e nenos das familias en risco de exclusión social

O Concello axudará a 31 familias a desfrutar máis das festas das Dores
Por o 20/08/2019 | Sección: Galicia,Ponte Caldelas
Fichas gratis nas atraccións das Festas das Dores para as nenas e nenos das familias en risco de exclusión social
Compartir en:

Política de igualdade e eliminación de todo tipo de privilexios, tamén durante as Festas das Dores. O concello de Ponte Caldelas comezou hoxe o reparto de fichas para as nenas e nenos que pertencen a familias en risco de exclusión social, unha iniciativa que se desenvolve por cuarto ano consecutivo. O Goberno local acabou así coa “vergoñenta tradición” dos anteriores responsables municipais de repartir as “fichas de cortesía”, que doan os feirantes,sen a menor transparencia e dar ditas fichas a quenes eles querían e sen ter en conta a xente que máis o precisa. Andrés Díaz ten claro que “as festas son para o desfrute de todos, e dende o concello faremos todo o posible porque así sexa”.

Os Servizos Sociais municipais chamaron a un total de 54 nenas e nenos, pertencentes a 31 familias (tres máis que o  ano pasado) como beneficiarios directos desta medida. Cada neno/a obtivo deste xeito 3 fichas e un vale para churros para os máis pequenos, e dúas fichas e un vale de churros para os rapaces máis maiores.

Deste xeito, garántese que os rapaces destas familias gozarán das Festas das Dores en plena igualdade de condicións durante todos os días. A maiores, o próximo mércores, día 28, celébrase o día do Neno, no que todas as atraccións están dispoñibles á metade de prezo.

Andrés Díaz amosa a súa satisfacción de poder ter erradicado “un comportamento caciquil dos anteriores responsables municipais, un costume intolerable nunha Administración moderna e do século XXI e que respondía a unha concepción patrimonial da autoridade municipal”.

Por outra banda, as Festas das Dores deste ano volven  a manter  o salto de calidade coa repetición da presenza do “Saltamontes”, incrementando así o seu atractivo.  Non obstante, a programación musical volverá ser o principal reclamo para o público. Así, despois do exitoso concerto de Sondeseu o pasado domingo, Ponte Caldelas vivirá o venres o seu festival de música Caldelas Xoven, que contará coas actuación de Famous (gañador de OT 2018) e de Ricky Merino (participante de OT) entre outros. O sábado contará co grupo América, o domingo a gran protagonista será a orquestra Olympus e o martes, noite da verbena ata as 8 da mañá, o Combo Dominicano será a cabeza de cartel.

Comentar noticia

Your email address will not be published.