Figuras infantís de gran tamaño ambientan dende hoxe os 13 espazos escénicos de Pontevedra vívese

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías destacou “o comportamento exemplar” dos veciños e veciñas na primeira fin de semana das festas, na celebración do XXI Memorial Ricardo Portela.
Publicado por o día 20/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Figuras infantís de gran tamaño ambientan dende hoxe os 13 espazos escénicos de Pontevedra vívese

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, destacou esta mañá o “comportamento exemplar” dos veciños e veciñas de Pontevedra na primeira fin de semana de festas da cidade, coa celebración do XXI Memorial Ricardo Portela, o que demostra “que pouco a pouco recuperamos o púlso e a programación festiva”.

Hoxe incorporáronse novos elementos aos 13 espazos escénicos colocados no centro e nos barrios da cidade: Alameda, Praza das Palmeiras, Ferraría, Pedreira, Barcelos, Campolongo, xardíns de María Victoria Moreno, os Gafos, A Curtidoira, Xardíns da Parda, parque Amalia Álvarez, Monte Porreiro e praza de España. Son figuras infantís de gran tamaño que pretenden ambientar as festas de verán, e facer un chisco aos máis cativos e cativas para os que este será un verán moi singular. Dende a Concellaría de Festas se convida aos nenos e nenas que vaian praza a praza vendo as diferentes imaxes que van dende dinosaurios, a pilotos de avións, peixes, arrastres, grilos, esquios… e se quiten imaxes con eles.

Artes vivas

A programación de festa para hoxe estrea o espectáculo Artes vivas, que trata de combinar distintas expresión artísticas e literarias da man de artistas locais e galegos. E,tamén estrea novo escenario: as pistas deportivas de Campolongo. A primeira cita de Artes vivas é na praza da Ferraría onde ás 21.30 horas FAIA porá en escena “Ao cabo leirín”, música e tradición oral.

E ás 22.00 horas, nas pistas de Campolongo actúa Epístola de Aldaolado, combinando poesía e música.

Ademais, durante toda a xornada, están previstas Pasacalles. Pola mañá no barrio de Campolongo e pola tarde no centro histórico a cargo da charanga Mil9.

Ven Trebellar

Para mañá martes, actívase outro novo programa, esta vez, destinado á poboación máis cativa. Ven Trebellar ofertará teatro, maxia, música…

• Ás 19.30 horas, na Alameda. Baila Roque, baila. Baobab teatro.

• 20.00h Parque Amalia Álvarez. Do maxín á realidade. Maxia. Barafunda.

Tamén mañá volven as Artes vivas:

• 21.30h Blues do País e o sindicato da Verbena. Música teatro e clown.

Prazada Ferraría

• 22.00h Tres vellas (polo menos). Narración oral. Pistas de Campolongo.

Protocolo Covid-19

Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado. Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto.

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.

Fotografías

Comentar noticia

Your email address will not be published.