Filoloxía e Tradución reivindica cunha exposición a importancia da muller na banda deseñada

As autoras das obras son debuxantes e guionistas de diferentes idades e nacionalidades
Publicado por o día 14/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

Filoloxía e Tradución reivindica cunha exposición a importancia da muller na banda deseñada

Historias de e sobre mulleres. Unhas inventadas e soñadas, outras reais, froito das vivencias e experiencias das súas autoras, de diferentes idades e nacionalidades. Todas elas forman parte da nova exposición organizada polo persoal da biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución, que despois de ter unha mostra conmemorativa sobre Rosalía de Castro e a súa obra, prosegue a súa homenaxe a mulleres escritoras e artistas cunha recompilación dedicada ás debuxantes e guionistas de bandas deseñadas máis representativas da actualidade. Cómics, tiras cómicas, novelas gráficas e calquera outro tipo de viñetas ilustradas realizadas por mulleres estarán expostas no vestíbulo desta biblioteca ata finais de mes.

Con esta iniciativa, búscase destacar o papel da muller neste tipo de literatura, amosando obras de diferentes épocas e temáticas, pero a maioría escritas dende unha intención reivindicativa do feminismo e da igualdade de xénero. “Son historias de todo tipo. Historias de maltrato, de denuncia, de loita e de guerra…”, afirma Marga Rodríguez Holguín, técnica desta biblioteca e encargada da organización da exposición. Neste senso, son igual de diferentes as autoras das obras que se poden atopar na mostra, tanto pola súa nacionalidade como pola súa ocupación. “Na exposición hai autoras europeas, africanas, asiáticas… que son activistas, estudantes, traballadoras, sufraxistas, pensadoras e, ante todo, artistas”, destaca Rodríguez.

Obras de diferentes épocas

Algunhas das obras que forman parte da exposición xa se consideran como clásicos dentro do seu xénero, como poden ser a Olympe de Gouges de Catel e Bocquet e a serie Aya de Yopoungon de Marguerite Abouet. Nesta última, a autora relata a vida cotiá da xuventude africana a mediados dos 70, centrándose no día a día dunha moza de 19 anos que vive en Abiyán, a capital de Costa de Marfil. Por outra banda, na Olympe de Gouges relátase en viñeta ilustrada a vida desta muller, política e a autora da Declaración Universal dos Dereitos da Muller e da Cidadá do 1791.

Porén, tamén hai espazo para outras publicacións máis contemporáneas, pero non menos importantes. Una entre muchas é unha desas historias, asinadas por unha muller da que non se coñece a identidade baixo o pseudónimo de Una. Nela, cóntanse algunhas das experiencias persoais da autora, quen na súa infancia sufriu abusos sexuais por parte de tres homes adultos. De índole autobiográfica é tamén Persépolis, escrita por Marjane Satrapi, na que a autora relata a súa nenez en Teherán durante a época da revolución islámica ata o momento da súa chegada a Europa.