Fin de semana de senderismo e natureza cos bosques terapéuticos e primeira depoandaina da Deputación de Pontevedra

Con todas as prazas esgotadas, os “baños de bosque” chegan este sábado á Picaraña, en Ponteareas, e o domingo arrancan as “Depoandainas” polos muíños da Fraga en Moaña
Publicado por o día 07/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Fin de semana de senderismo e natureza cos bosques terapéuticos e primeira depoandaina da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra levará esta fin de semana ata Ponteareas e Moaña dúas actividades que combinan sendeirismo e contacto co medio natural. Así, os “baños de bosque” serán protagonistas da oitava ruta do programa medioambiental “Bosques terapéuticos”, cun percorrido mañá sábado, 8 de agosto, pola Picaraña (Ponteareas). O domingo terá lugar o arranque das “Depoandainas”, coa primeira ruta polos muíños da Fraga en Moaña. Ámbalas dúas actividades teñen todas as prazas esgotadas e contarán con todos os protocolos e as medidas de seguridade vixentes para minimizar os riscos de contaxio da Covid-19.

O “baño de bosque” pola Picaraña permitirá afondar na natureza, no bosque autóctono galego formado, neste lugar de Ponteareas, por carballos, abeleiras, sobreiras e piñeiros. A actividade, na que participará a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica Iria Lamas xunto a outras 15 persoas, desenvolverase nun tramo de 590 metros a través do cal, amais de gozar das especies arbóreas, poderanse observar rochas de grandes dimensións, como os penedos do Equilibrio e do Castro, e realizar actividades de equilibrio, de respiración ou de relaxación.

 

 

No que corresponde á Depoandaina, que terá lugar este domingo pola ruta dos muíños da Fraga en Moaña, trátase do primeiro percorrido desde 2020. Participarán, ademais do deputado de deportes Gorka Gómez, outras 200 persoas que, debido á Covid, serán distribuídas en grupos de 25. En liñas xerais, esta andaina percorre un itinerario circular de 9,7 quilómetros e dificultade media a través do cal as e os participantes manteñen contacto coa natureza, descobren recursos turísticos e practican unha actividade deportiva, fomentándose, deste xeito, hábitos saudables entre a cidadanía da provincia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.