Finaliza en Lalín o obradoiro ‘Ilustrando historias’ coa entrega de diplomas

A concelleira de Cultura puxo de relevo o éxito da actividade e agradeceu o traballo das monitoras, Julia Ferradás e Vanessa Loureiro
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Galicia

Finaliza en Lalín o obradoiro ‘Ilustrando historias’ coa entrega de diplomas

Esta mañá tivo lugar a entrega de diplomas do obradoiro “Ilustrando historias”, un acto que puxo punto e final a unha iniciativa que se enmarcou dentro da programación cultural do mes de agosto do Concello de Lalín.

Máis de 20 menores de entre 11 e 16 anos na primeira quenda e de entre 6 e 10 anos na segunda, participaron nesta actividade que se celebrou os venres e sábados do mes de agosto no Museo Municipal Ramón Mª Aller, impartido polas artistas Julia Ferradás e Vanessa Loureiro.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, estivo presente na entrega de diplomas xunto coas monitoras do curso. A edil puxo de relevo o “a gran demanda e o éxito absoluto que alcanzou por segundo ano este innovador obradoiro, motivo polo que” -afirmou- “seguirémolo desenvolvendo en vindeiros anos coa posibilidade de facer algún en Nadal”.

Ao mesmo tempo agradeceu o excelente traballo de Julia Ferrdás e de Vanessa Loureiro, “que desenvolveron unha labor fabulosa e deixaron quedar a todos os nenos encantados”. Lara Rodríguez explicou que “Ilustrando historias buscou facer medrar a creatividade dos nenos e nenas, contando historias a través do debuxo e facendo que as súas creacións funcionen como palabras”. “Con isto” – engadiu- “tamén conseguimos transmitirlle aos nenos e nenas que o Museo Municipal non é un espazo aburrido onde só se poden ver exposicións, senón que tamén se pode converter nun espazo atractivo para eles onde se poden realizar diferentes actividades.