Finaliza sen feridos un incendio que arrasou por completo unha vivenda no municipio pontevedrés de Meis

Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Sucesos

Finaliza sen feridos un incendio que arrasou por completo unha vivenda no municipio pontevedrés de Meis

Os bombeiros traballaron durante máis de cinco horas na extinción dun incendio que se saldou sen feridos pero causou cuantiosos danos materiais. De feito, a vivenda quedou completamente calcinada, aínda que a intervención dos equipos de extinción evitou que o lume se propagase ás vivendas lindeiras e ao monte.

Todo comezou ás 3:20 horas desta madrugada coa chamada dun veciño ao 112 Galicia para avisar dun incendio no interior dunha vivenda situada no número 20 da parroquia de Paradela. A persoa insistía en que o lume collía forza e era necesaria a rápida intervención dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Salnés.

Deste xeito, o persoal do 112 pediu a colaboración dos Bombeiros de Ribadumia que, coa axuda dos efectivos do parque de Vilagarcía, fixeron fronte ás lapas ata súa completa extinción. Unhas tarefas que se prolongaron durante máis de cinco horas co obxectivo de controlar e perimetrar o incendio e evitar deste modo que se propagase ao monte e a unhas construcións tipo bungalows instaladas no recinto da mesma propiedade. Por fortuna, ninguén resultou ferido.

Cómpre sinalar que os bombeiros contaron tamén co apoio dunha patrulla da Garda Civil.

Comentar noticia

Your email address will not be published.