Financian 60 proxectos de voluntariado xuvenil de entidades e concellos

Deles, 26 corresponden a concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e 34 a entidades de acción voluntaria
Publicado por o día 10/08/2020 na sección de Xunta de Galicia

Financian 60 proxectos de voluntariado xuvenil de entidades e concellos

A Xunta de Galicia financia 60 proxectos de Voluntariado Xuvenil de 34 entidades de acción voluntaria e 26 concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da concesión desta liña de subvencións que sufraga iniciativas que teñen como obxectivo incorporar a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos como persoas voluntarias.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 255.000 euros. Cómpre recordar que os proxectos terán unha duración de entre 15 e 60 días, e levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano 2020.

Deuse prioridade aos proxectos que procuran a promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; actividades de recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; iniciativas orientadas á innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; accións de humanización de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade, como xeito de aprendizaxe mutuo.

O programa de Voluntariado Xuvenil ten como obxectivo manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito. Actualmente, máis de 9000 persoas participaron activamente nas accións postas en marcha pola Xunta en 2019, un 11% máis con respecto ao exercicio pasado. Ademais, hai máis de 1000 entidades inscritas no Rexistro autonómico de acción voluntaria.

Voluntariado Sénior

Por outra parte, o Goberno galego financia 45 proxectos de Voluntariado Sénior de 26 entidades de acción voluntaria e 19 concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Destínanse un total de 100.000 euros a financiar estas as actividades e proxectos que están destinadas a incentivar a participación de persoas maiores de 55 anos.