A Finde.U pecha a súa segunda edición con preto de 1000 asistentes

Clausura da Feira Internacional de Emprego Universitario 2017
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Finde.U pecha a súa segunda edición con preto de 1000 asistentes

Cunha cifra de asistentes moi semellante á da pasada edición, máis de 60 empresas e institucións participantes e cheo total nos obradoiros formativos, este mércores baixou o pano no Ifevi a Finde.U, Feira Internacional de Emprego Universitario 2017. Esta cita coa inserción laboral do alumnado e as persoas egresadas, organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro, consolídase como un referente na eurorrexión Galicia e norte de Portugal contando coa participación de arredor de 1000 estudantes e titulados que se achegaron aos postos das empresas este martes e mércores e participaron nas diversas actividades formativas e de asesoramento. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, remarca a diversificación de sectores presentes na feira, abríndose máis aló do eido tecnolóxico ao empresarial, xurídico e comercial. Destaca tamén o éxito que acadaron actividades como os talleres de elaboración de currículos, de preparación de entrevistas de traballo, presentacións corporativas ou o Talent at Work, celebrado esta mañá con todas as prazas cubertas.

O peche oficial da feira contou coa presenza de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; José Alfonso Marnotes, director xeral de Orientación e Promoción Laboral; Alberto Baptista, pro-reitor para os Projectos Estructurantes da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e Manuel Fontes de Carvalho, Relações Estudantis, Dimensão Social do Apoio aos Estudantes e Empregabilidade da Universidade do Porto. Todos eles fixeron un percorrido polos diferentes stands das máis de 60 empresas e institucións presentes, con especial presenza dos sectores da automoción, xurídico social e tecnolóxico, entre elas Cortizo, BorgWarner, Abanca, CTAG, Coren, Finsa, Garrigues, Hotusa, Manpower ou Faurencia. Algunas delas participaban por primeira vez na Finde.U, como PSA.

A Finde.U en Vigo tomou o relevo da edición lusa que se celebrou en Porto os días 17 e 18 deste mesmo mes con 1300 participantes, ambas citas con espírito eurorrexional, abríndose deste xeito ao alumnado de ambos países. Ao longo de dúas xornadas a Finde.U en Vigo foi un foro de contacto directo entre alumnado e persoas egresadas con responsables de RRHH de empresas e un lugar no que ofrecer e consultar ofertas de emprego, bolsas e prácticas. As empresas tamén puideron realizar procesos de selección a medio e longo prazo, entrevistas de traballo e sesións informativas e obradoiros. Para a entrega de currículos empregouse, como xa sucedera na edición de 2016, o sistema dixital Beamian Digital You que permite, ao finalizar o evento, contar cunha base de datos con todos os visitantes a cada stand.

As actividades formativas, as mellor valoradas polo alumnado

Na xornada deste mércores celebrouse o Talent at Work, unha iniciativa que se emparca na Finde.U e que ten como obxectivo mellorar as competencias e a empregabilidade de mozos e mozas universitarios. A finalidade foi crear un punto de encontro para profesionais de recursos humanos e empresarios e titulados e estudantes coa vista posta en axudar a estes a comprender o que hoxe en día demanda o mercado laboral, así como ofrecer unha visión práctica do panorama laboral actual, información clave para coñecer as oportunidades de traballo reais. Nesta mesa de debate participaron representantes de Abanca, Cortizo, Pescanova e Gradiant.

Nestes dous días tamén se celebraron obradoiros formativos para mellorar as estratexias de busca de emprego e formar parte de procesos de selección de persoal e de convocatorias de bolsas e prácticas. Dende a Área de Emprego e Emprendemento destacan a importancia do cara a cara, de que o alumnado e as persoas egresadas poidan tratar directamente cos representantes das empresas nesta feira, porque ese contacto directo é o que pode permitir que as ofertas de emprego finalmente se concreten.

Este é un dos aspectos que destacan os asistentes, como Eva Cuña e Raquel Buján, egresadas de Publicidade e RRPP, aínda que se laian de “moitas das ofertas están centradas no eido tecnolóxico”, valoran especialmente as actividades formativas. “O Talent at Work foi moi interesante, e tamén puidemos aprender a facer un Cv, redactalo e que responsables de RRHH nos deran a súa opinión”. Pola súa banda, Fernando González e Marcos Maceira, alumnos de 4º de Enxeñaría Mecánica, valoran moito a posibilidade que esta feira supón para coñecer moitas empresas relacionadas coa súa titulación, “moitas máis das que coñecíamos” e remarcan que “é unha opción moi boa para informarse, coñecer as ofertas e poder buscar onde traballar no futuro”.

Achegarse ao talento

Para as máis de 60 empresas e institucións esta cita é unha oportunidade para coñecer, valorar e seleccionar talento. Así o recoñecían os representantes de firmas como MGS Seguros, que cualificaban a feira como “experiencia moi positiva, porque estamos en contacto con xente moi preparada; como empresa debemos estar coa Universidade nun camiño que debe ser coincidente para darlle saída á xente preparada”, explicaba Paco Bello. “Falamos moito de achegar a universidade á sociedade, pero tamén debemos achegarnos as empresas á universidade”. Como empresa de seguros, explican, demanda o perfil dun asesor profesional, un perfil comercial, no que ademais da formación “valoramos as actitudes, persoas ás que lles guste a vertente comercial, as relacións interpersoais, os retos, cun carácter emprendedor e proactivo”, relataban.

Para Cortizo esta é a segunda participación en Finde.U. A súa representante, Antía Blanco, recoñecía que nesta edición había menos perfís tecnolóxicos, porque se abriu o abano de sectores, pero valora moi positivamente para a empresa esta cita. “Grazas á edición do ano pasado incorporamos moita xente que coñecemos aquí, entre eles o responsable de Oficina Técnica da Área industrial”. O mesmo perfil de enxeñaría industrial é o que procura BorgWarner. No seu stand explicaban que este tipo de eventos son “moi produtivos porque podemos contactar con diferentes perfís profesionais e ademais é unha maneira de dar a coñecer a nosa empresa e permitir que a xente que está buscando emprego teña unha maneira directa de falar con nós”, concluían.