‘FIRMA E FILME’ reúne unha vintena de productoras e editoras na procura de adaptacións audiovisuais de obras literarias galegas

A Cidade da Cultura acolleu onte unha xornada de reunións entre empresas dos sectores audiovisual e do libro a partir do estudo de guión de 32 textos
Publicado por o día 28/03/2019 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

‘FIRMA E FILME’ reúne unha vintena de productoras e editoras na procura de adaptacións audiovisuais de obras literarias galegas

Os representantes dunha vintena de empresas galegas dos sectores audiovisual e editorial participaron onte no programa Firma e Filme, que está a desenvolver a súa terceira edición na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo volve organizar esta iniciativa en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editoras (AGE) co fin de promover a posta en marcha de novos proxectos de adaptación cinematográfica ou televisiva de obras literarias galegas.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, deulles a benvida na Sala Eisenman aos representantes das empresas participantes este ano, que teñen previsto desenvolver arredor de 40 reunións bilaterais durante toda a xornada. Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Técnicas e Gramaxe, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco.

Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.

A continuación, un equipo de analistas de guión encargouse do estudo e informe dos textos para avaliar as súas posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva. A partir desta análise e tras a posta en común coas empresas audiovisuais inscritas daqueles títulos que mellor encaixan coa súa liña de traballo, a organización deseñou o programa de xuntanzas que se está a levar a cabo na Cidade da Cultura.

Comentar noticia

Your email address will not be published.