Fiscalía dalle a razón a Antón Sánchez e estima a demanda contra a Xunta pola negativa a entregar documentación sobre a fusión das caixas

O vicevoceiro parlamentario interpuxera a demanda ao considerar que o goberno de Feijóo vulnerou os seus dereitos como deputado
Publicado por o día 01/03/2019 na sección de En Marea,Política

Fiscalía dalle a razón a Antón Sánchez e estima a demanda contra a Xunta pola negativa a entregar documentación sobre a fusión das caixas

A Fiscalía de Galicia acaba de anunciar que estima a demanda interposta polo deputado e portavoz adxunto do grupo parlamentario En Marea Antón Sánchez contra a Xunta de Galicia por negar o acceso a informes e documentos relacionados cos acordos do Consello da Xunta do día 18 de novembro de 2010, polos que se autorizou a fusión das caixas galegas.

“O escrito de Fiscalía danos a razón neste momento procesual e ve a vulneración dos dereitos recollidos no artigo 23 da Constitución”, lembra Antón Sánchez, para quen “o goberno de Feijóo negou reiteradamente sin xustificación acceso a información clave no proceso de fusión das caixas de aforro galegas, que acabou no gran fiasco dunha entidade de aforro social convertida nun banco privado de propiedade venezolana e o 40% dos aforros dos galegos e galegas en mans dun banco privado”.

O Ministerio Público galego recoñece no seu escrito (que se adxunta a esta nota de prensa) que “é indubidable que o dereito de participación política do artigo 23 da Constitución é un dereito fundamental da configuración legal” e engade que “dados os termos do citado artigo 9 do Regulamento do Parlamento de Galicia, non é xustificable o silencio da Administración autonómica (neste caso a Xunta de Galicia) en canto supón unha negativa reiterada e ata o momento inxustificada (por canto non manifestaron os motivos que o impiden) a entregar os informes e documentos solicitados  xa que con isto cercénase o dereito de información dos parlamentarios no exercicio da súa función representativa”. 

Para Antón Sánchez, que solicitou esta información no marco da comisión de investigación das caixas na Cámara galega mediante escrito de petición cursado o 20 de setembro de 2018, a través do Presidente do Parlamento de Galicia, “é fundamental coñecer o papel da Xunta nunha fusión alentada polo Goberno de Feijóo,  despois de investir 9.000 milllóns de euros públicos en sanear Novacaixagalicia, para saber que decisións se tomaron, como se tomaron e depurar responsabilidades políticas”.

Será agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que teña que pronunciarse sobre a lesión dos dereitos fundamentais do deputado parlamentario de En Marea por parte do Goberno de Feijóo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.