‘FÍSICO’, un dos libros máis celebrados da poesía inglesa actual, chega ao Galego

Chan da Pólvora Editora dá ao prelo a edición bilingüe inglés-galego e inaugura a nova colección de poesía O Río
Por o 18/03/2019 | Sección: Cultura,Xunta de Galicia
‘FÍSICO’, un dos libros máis celebrados da poesía inglesa actual, chega ao Galego

Físico, de Andrew McMillan, un dos libros máis celebrados da poesía inglesa actual, chega ao galego da man de Chan da Pólvora Editora na súa nova colección O Río, dedicada exclusivamente á tradución. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu, xunto co autor británico e o editor, Antón Lopo, á presentación do novo volume esta mañá, na librería coruñesa Moito Conto.

A obra abre a colección O Río, concibida exclusivamente para a tradución de poesía, que editará dous libros ao ano. O segundo que dará ao prelo Chan da Pólvora Editora neste 2019 será, no outono, unha antoloxía da estadounidense Emily Dickinson.

Físico (Physical), traducido ao galego por Isaac Xubín, é a obra coa Andrew McMillan debutou na poesía e se converteu nun dos grandes acontecementos literarios do ano 2015 na literatura británicana chegando a concederlle o xornal The Guardian por vez primeira a un poemario o premio ao mellor libro de debut. Ese foi o inicio dunha traxectoria que inclúe galardóns como o Somerset Maugham Award, o Eric Gregory Award, a Northern Writers’ Award ou o Aldeburgh First Collection Prize. A calidade e singularidade de Físico non é para menos. Encontrámonos ante unha poesía de sintaxe complexa, imaxes turbadoras e mirada punxente sobre a familia e as relacións afectivas. Poucos poetas como McMillan souberon abordar o desexo masculino e as súas expresións a miúdo frustradas. Cun estilo que funde de xeito maxistral a distancia e a calidez emocional, estes poemas adentran as lectora e os lectores nun ámbito do desexo que fala o idioma da felicidade, da desolación pero tamén o dos códigos secretos do corpo, as súas posibilidades renovadoras e os lindes da decepción.

Andrew McMillan, voz poética máis poderosa da súa xeración

Andrew McMillan (South Yorkshire,1988) foi recoñecido con Físico -“un libro incomparable”, en palabras da crítica Sarah Crown de The Guardian- na voz poética máis poderosa da última xeración británica do século XX. Marcado pola experiencia de Tom Gunn, un dos referentes da poesía queer en inglés, ou pola poesía de denuncia sobre a opresión sexual de Sharon Olds, McMillan logrou crear un estilo que transforma o íntimo e o cotiá nunha revelación trascendente da vida. Esta característica fornece tamén o seu segundo libro, Playtime, publicado en 2018. Actualmente é profesor na Manchester Writing School da Manchester Metropolitan University.

Comentar noticia

Your email address will not be published.