Flop Cinema trasládase ao Principal e contará con cineastas galegos de filmes LGTBIQ+

O certame conta coa colaboración de CineClub de Pontevedra e os festivais Novos Cinemas e FIC Bueu
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Flop Cinema trasládase ao Principal e contará con cineastas galegos de filmes LGTBIQ+

O programa FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra) do Concello de Pontevedra celebra, un ano máis, a visibilización, normalización e reivindicación da diversidade sexual. Neste marco, do 29 de maio ao 2 de xuño terá lugar, no Teatro Principal, a segunda edición do Flop Cinema, destinada á proxección de producións audiovisuais, nacionais e internacionais, de temática LGTBIQ+.

Carme da Silva, concelleira de Festas e Eva Mejuto, coordinadora do Flop presentaron hoxe o Flop Cinema, xunto cos portavoces de Novos Cinemas, CineClub Pontevedra e FIC-Bueu, as entidades que en Pontevedra e na comarca traballan na visibilización e produción do audiovisual galego. Precisamente estas sinerxias a prol do cinema foron postas en valor pola concelleira.

Ademais da nova ubicación do ciclo de cinema no Teatro Principal -o ano pasado foi na Praza da Pedreira- esta nova edición conta con dúas novidades que, sen dúbida, enriquecerán a proposta. A primeira é que apóstase pola apertura e búsqueda de sinerxias a través da colaboracións con diversas entidades que traballan no ámbito cinematográfico da nosa contorna. O Cineclube Pontevedraincorpórase ao FLOP coa programación do filme Teorema (Italia 1976), de Pier Paolo Pasolini. Novos Cinemas aporta ao a escolla do filme Tierra Firme (2017 España, EE.UU. e Gran Bretaña) e o Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu colabora coa proxección das curtas They say (2012) de Alauda Ruiz de Azua; Boy, (2014) Lucas Helth Postma e Change in the water (2015) de Muiris Crowley.

A segunda novidade é que inaugúranse tamén no FLOP os cinefórum, debates cos creadores e creadoras do audiovisual LGBTIQ+ que asistirán ás proxeccións e falarán das súas obras ao remate das mesmas. Así, teremos en Pontevedra destacados cineastas do país como:

  • Carmen P.G. Granxeiro, directora do documental 1948-2016 Un final para empezar.
  • Lázaro Louzao, director do primeiro filme de temática homosexual rodado en galego e estreado este mesmo ano, Nove de novembro (2018)
  • O realizador coruñés Roberto Castón, director do primeiro filme LGTBIQ+ rodado en euskera, Ander (2009).

Todas as proxeccións serán gratuítas, con entrada libre até completar o aforo.

Flop cinema ven dentro do programa do Concello sobre a diversidade sexual, despois da celebración de “TRANSformando o mundo” nos centros de ensino secundario da cidade. O peche da iniciativa terá lugar o 14 de xullo co festival FLOP no Parque dos Gafos, un encontro anual de música electrónica que celebra xa a súa cuarta edición.

Máis información sobre os filmes na web: www.flop.gal