Foi presentada a nova edición adaptada do FICBueu

O Festival Internacional de Curtametraxes da localidade pontevedresa recibe unha achega de preto de 21.000 euros para a súa décimo terceira edición
Publicado por o día 08/09/2020 na sección de Bueu,Cultura,Eventos,Galicia

Foi presentada a nova edición adaptada do FICBueu

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) presentou hoxe a súa décimo terceira edición, que terá lugar do 11 ao 19 de setembro cun programa adaptado ao actual contexto sanitario pero sen renunciar á difusión de máis dun cento de curtametraxes de múltiples estilos e procedencias e á organización doutras moitas actividades arredor deste formato audiovisual. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, subvenciona o certame través da convocatoria anual de subvencións para este tipo de eventos.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, nun acto que tivo lugar no Centro Social do Mar, sede das proxeccións do evento, xunto co director do festival, Manuel Pena, e o resto de autoridades e institucións presentes.

Sutil felicitou o equipo organizativo por ser quen de adaptar o evento “con rapidez e solvencia” ás novas circunstancias e aos protocolos sanitarios e sen perder as liñas mestras da súa filosofía, xa que a actual edición mantén os seus distintos apartados: Infantil, Familiar, España, Experimental, Internacional, Comedia e Galicia R, desde o que se amosan obras recentes de cineastas galegos ou relacionados con Galicia.

Conxunto de medidas de apoio

Tamén se referiu ao “interese extraordinario” que cobran os festivais audiovisuais, polo moito que poden contribuír á progresiva normalización de todo o proceso de comercialización e distribución do cinema, así como á importancia de prestarlles colaboración desde todos os ámbitos. Neste sentido, explicou que o Goberno galego materializou este apoio a través do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19, mediante o que se están a aplicar un conxunto de medidas encamiñadas ao impulso dos dous sectores. Entre elas, por exemplo, a adaptación da bases das subvencións aos festivais profesionais de cinema, do que este ano volve ser beneficiario o FICBueu con preto de 21.000 euros. Así, o certame forma parte da listaxe dos 13 eventos adxudicatarios desta convocatoria, entre os que se distribuíu unha dotación de 190.000 euros, un 11% máis que en 2019.

“Ademais deste incremento orzamentario, que consolida a tendencia ascendente desta liña de apoio desde que a puxemos en marcha hai xa seis anos, introducimos unha serie de modificacións nas súas bases para adaptalas á situación derivada da crise sanitaria. Estes cambios responden ao diálogo mantido coa coordinadora de festivais audiovisuais Proxecta (da que forma parte o FICBueu) e consisten principalmente na ampliación de prazos, na posibilidade da celebración en liña, ou na inclusión entre os gastos subvencionables dos incorridos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma”, engadiu o director da Agadic.

O FICBueu dará comezo este venres cun monólogo a cargo de Manuel Manquiña, ao que seguirán oito días de proxeccións, encontros profesionais e artísticos, música, sesións de exhibición de títulos realizados polos centros de ensino e presentacións. Entre estas últimas, destacan as que dedicarán a explicar a rodaxe da película Ons, ou ao primeiro número da colección editorial cadernos do FICBueu, un monográfico sobre a Nouvelle Vaque que conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Comentar noticia

Your email address will not be published.