Folga en CTAG-IDIADA para esixir mellores condicións

CCOO defende a súa adhesión ao convenio do metal da provincia de Pontevedra, máis acorde co actividade que realiza a empresa
Por o 11/02/2017 | Sección: CC.OO,Galicia,Motor,O Porriño,Protestas,Sindicatos,Vigo
Folga en CTAG-IDIADA para esixir mellores condicións
Compartir en:

As traballadoras e traballadores de CTAG-IDIADA están chamados á folga o vindeiro 15 de febreiro. Reclaman a adhesión da empresa ao conveio do metal da provincia de Pontevedra. CCOO defende esta solicitude, tanto por ser coherente co traballo realizado no marco do sector da automoción como porque supón a mellora das condicións salariais e sociais do persoal.

CTAG-IDIADA Safety Technology S. L. é unha sociedade creada en 2002, a partes iguais entre o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Applus IDIADA, multinacional que iniciou a súa actividade en Cataluña en 1971, especializada en servizo de homologación para a industria do automóbil. Nesta sociedade, o CTAG achega as instalacións, a dirección e o capital humano, mentres que Applus IDIADA puxo –no seu momento– a experiencia e a súa rede de clientes.

CTAG-IDIADA conta cun edificio propio e un equipo de 34 técnicos especializados e enxeñeiros. Isto permite que as empresas da automoción poidan botar man deste laboratorio de homologación, aforrando o custo de ensaiar na sede central de Applus IDIADA, situada en Tarragona.

CCOO leva tempo a denunciar que a empresa somete o cadro de persoal a políticas de baixos salarios –chegando incluso a conxelalos– e a non desenvolver a carreira profesional, malia que o traballo realizado precisa alta especialización e formación permamente. A denuncia sindical é compartida maioritariamente no seo da empresa: máis do 93 % das traballadoras e traballadores reclamaron por escrito a mellora das súas condicións.
A negativa da empresa a atender as reivindicacións levou a que, por vez primeira desde o nacemento da sociedade, se convoque unha xornada de folga en CTAG-IDIADA, xunto coa petición de adhesión ao convenio provincial do metal e unha correcta categorización profesional dentro deste.