Fomento asegura a En Marea que “está a elaborar un plan de acción contra o ruido” polo impacto acústico da VG-20

Alexandra Fernández demandou en varias ocasións ao Ministerio que atenda á veciñanza de Navia para dar solución aos graves problemas de ruido que padecen polo paso do vial VG-20.
Publicado por o día 08/10/2018 na sección de En Marea,Política

Fomento asegura a En Marea que “está a elaborar un plan de acción contra o ruido” polo impacto acústico da VG-20

O Ministerio de Fomento ven de respostar á deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, que “está a traballar na elaboración do Plan de Acción contra o Ruido” para dar cumprimento á directiva comunitaria.

Alexandra Fernández dirixiuse en sucesivas ocasións ao Ministerio para demandarlle que escoite á veciñanza de Navia e adopte solucións destinadas a reducir o elevado impacto acústico que padeden polo paso do vial VG-20 pola zona. A deputada de En Marea, que mantivo encontros cos veciños e veciñas do bairro de Navia en Vigo, reclama a Fomento que os atenda e escoite os seus plantexamentos.

Fomento non concreta

A parlamentar de En Marea considera que o Ministerio non ofrece ningunha concreción ás cuestións formuladas por En Marea como a necesidade de levar a cabo un Estudo por parte de persoas expertas e profesionais para concluir a mellor solución para este problema.

O Ministerio non se molla no que atinxe ao tema específico de Navia e indica na súa resposta a Fernández que “este Plan foi aprobado provisionalmente e sometido a información pública. Neste momento está a realizar o informe de alegacións correspondente”. De xeito amplo, sinala que o “Plan de Acción definirá as actuacións que se deberán levar a cabo para reducir a contaminación acústica xerada polo tráfico” e que “asinará unha prioridade a cada unha delas, en función do número de persoas afectadas con níveis de ruido por riba dos obsectivos de calidade acústica, a viabilidade técnica da medida e a súa eficacia”.

Mais non entra a especificar nada en relación á VG-20 ao seu paso por Navia.

Alexandra Fernández lémbralle a Fomento a problemática que sofren os habitantes de Navia debido ao elevado nivel de ruido polo paso desta infraestrutura vial de competencia de Fomento. Resalta que este bairro configurouse como un dos núcleos habitados máis importantes e conta con máis de 9.000 persoas censadas. Acolle especialmente a poboación moza.

Explica ao Ministerio que adoece dunha planficación urbanística lamentábel posto que parece unha illa en medio de distintas estradas. O bairro non se proxectou coas axeitados estándares de calidade ambiental, urbanística e de protección fronte ao ruido.

Urxe ao Ministerio a reunirse cos afectados e a priorizar as solucións.