Fomento indica a En Marea que as actuación de mellora do ruido do tramo de AP-9 de entrada a Vigo correspóndelle a Audasa

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, dirixíase a Fomento após coñecer que este tramo está entre os de maior contaminación acústica do estado, e pide medidas urxentes a un problema que afecta en especial aos veciños e Teis, e Chapela”.
Publicado por o día 17/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Fomento indica a En Marea que as actuación de mellora do ruido do tramo de AP-9 de entrada a Vigo correspóndelle a Audasa

O Ministerio de Fomento ven de respostar á deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, que as actuacións de mellor da calidade acústica no tramo de entrada da AP-9 a Vigo correspóndelle á AUDASA.

Fomento afirma na súa resposta a En Marea que o tramo entre o Pk 1+000 e o Pk 4+800 da AP-9, “incluiuse como zona de actuación, dentro dos obxectivos de mellora da calidade acústica estabelecidos no Plan de Ación”. Salienta que no caso do tramo de entrada a Vigo, “defínese como actuación complexa” e que “podería incluir a combinación de diversas medidas para a mellora da calidade acústica”.

Fomento non concreta cando someterá o Plan de Ación contra o Ruido a Información Pública

O Ministerio sinala que a actuación a desenvolver na AP-9, na zona de Teis “está recollida no Plan de Ación que será sometido a curto prazo ao trámite de información pública”, aínda que non concreta a data exacta.

Fomento lávase as máns en relación a este problema de contaminación acústica e indica que “a execución das actuacións contra o ruido correspóndenlle á sociedade concesionaria, sen perxuicio da responsabilidade que lle puidese corresponder a outras administración con competencias na materia”.

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, dirixíase mediante unha pregunta parlamentar ao Ministerio de Fomento para demandarlle solucións urxentes ao alto nível de ruido que soportan os vigueses e viguesas no tramo de entrada da AP-9 a Vigo, lembrando que unhas 2.000 persoas en Vigo están sometidas a un volumen de impacto acústico superior ao Obxecto de Calidade Acústica fixado en menos de 65 decibelios durante o día e 55 durante a noite.

Alexandra Fernández salientaba que o ruido afecta especialmente a un dos bairros vigueses máis expostos: Teis. “Calcúlase que nesta zona unhas 600 vivendas onde habitan máis de 1.600 persoas están neta situación. Non só está afectado o bairro de Teis, Chapela é tamén unha da áreas afectadas”.

Fernández urxía a Fomento a demandar medidas á concesionaria dado que o tramo de entrada a Vigo, de case 4 quilómetros, é un dos que ten un maior impacto acústico. Considera a deputada de En Marea que se trata dun problema a solucionar con premura.