Fomento responde a En Marea que “vai analizar as posíbeis actuacións” para unha mellora da Seguridade Vial no Cruce de Puxeiros

Alexandra Fernández apremiou ao Ministerio a cumprir o acordo acadado no Congreso a instancias de En Marea para mellorar o cruce que conforma a antiga estrada Vigo-Madrid co saída da autoestrada AP-9 no alto de Puxeiros.
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de En Marea,Política

Fomento responde a En Marea que “vai analizar as posíbeis actuacións” para unha mellora da Seguridade Vial no Cruce de Puxeiros

O Ministerio de Fomento ven de respostar á demanda da deputada de En Marea, Alexandra Fernández, de arranxar canto antes a seguridade vial no cruce de Puxeiros que “a DXT, en coordenación co titular da vía, analizará as posíbeis actuacións na infraestrutura que permitan unha mellora estrutural da seguridade vial”.

A deputada de En Marea dirixíase ao Ministerio que preside Ábalos para pedirlle que dese cumprimento á proposición non de lei aprobada en novembro de 2017 a instancias de En Marea, para que se emprendesen actuacións de mellora no cruce que conforma a antiga estrada Vigo-Madrid coa saída da autoestrada AP-9 no alto de Puxeiros, na confluencia entre os concellos de Vigo e de Mos.

Explicaba Alexandra Fernández que “nese punto de grande perigosidades, os conductores cada vez que saen á autoestrada teñen que enfrontarse a unha situación de risco debido ás deficiencias que presenta o cruce”. Lembra que se trata dun problema que leva anos de reivindicacións pola mala visibilidade que ten esta interseción onde se rexistran frecuentes accidentes.

Concretar medidas e prazos

Ainda que o Ministerio non explica nin concreta prazos ou horizontes temporais para proceder a mellorar o cruce de Puxeiros, resalta o cambio de posición en relación ao anterior Ministerio de Fomento, presidido polo PP, que negou a perigosidade do cruce afirmando que “estaba correctamente acondicionado para a circulación do tráfico que soporta, en bo estado de conservación e axeitadamente sinalizado”.

A parlamentar de En Marea agarda que se concreten as medidas a adoptar canto antes, e que se lle poñan prazos temporais. “Estaremos vixiantes mediante iniciativas de control para que se efectivicen as actuacións”, engadiu.