Fondo pesar na comunidade universitaria polo falecemento da profesora Almudena Bergareche

O velorio será mañá sábado a partir das 10.00 horas no tanatorio Vigomemorial
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Fondo pesar na comunidade universitaria polo falecemento da profesora Almudena Bergareche

A comunidade universitaria recibiu este venres a triste nova do falecemento da profesora Almudena Bergareche Gros, decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo desde setembro de 2016 ata o pasado mes de novembro, cando cedeu a súa testemuña ao profesor Francisco Torres. O seu pasamento deixa agora un fondo pesar, tanto na súa facultade como no conxunto da Universidade de Vigo. “Almudena deixa en nós un sentimento de paz, de tranquilidade e, sobre todo, a consciencia da importancia de ser unha persoa dialogante e de buscar sempre o consenso, evitando o enfrontamento e a confrontación”, explica o actual decano Francisco Torres, que se referiu a ela como “todo un referente, un exemplo a seguir”. “Na súa modestia evitaba dar consellos, pero para nós foi suficiente observar como facía as cousas e, así, aprender facendo”, recalcou Torres, quen, visiblemente emocionado, admitiu que foi Bergareche quen lle deu folgos para formar unha candidatura e presentarse ás eleccións ao decanato.

Vinculada á institución académica viguesa dende o ano 2003, onde exerceu como profesora titular de Dereito Constitucional, Almudena Bergareche explicaba pouco antes de ser elixida decana da facultade que fora “unha decisión vocacional” a que a levara a renunciar ao traballo de investigación que viña desenvolvendo nun instituto de estudos dependente do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, para incorporarse ao mundo universitario, na Universidad Complutense de Madrid primeiro e, xa logo, aquí en Vigo, onde, segundo indicaba, tivo a posibilidade de enfrontarse a novos retos: unha docencia que por fin se abría claramente á innovación e á confluencia co sistema europeo, e unha interacción máis directa cos estudantes, aos que se refería como “auténticos protagonistas dos procesos formativos”.

Ademais do seu labor como docente e investigadora, Bergareche mantivo tamén un forte labor en temas vinculados coa xestión universitaria, exercendo ademais de como decana e vicedecana, como directora do Departamento de Dereito Público e membro do Claustro.

Os seus restos velaranse mañá sábado a partir das 10.00 horas no tanatorio Vigomemorial, onde ás 13.00 horas se celebrará un acto civil na súa memoria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.