A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta tarde que a formación é una ferramenta para garantir que a práctica da caza sexa segura para os cazadores, así como sustentable e responsable co medio natural.
Así o manifestou esta tarde durante a inauguración do curso sobre a prevención da sinistralidade e seguridade na práctica cinexética, organizado pola Federación Galega de Caza, onde destacou que acceder a unha mellor formación e a unha máxima información sobre os temas actuais relacionados coa actividade cinexética é un valor positivo.
Salientou que a Consellería apoia este tipo de actividades a través dos convenios de colaboración asinados entre Medio Ambiente e a Federación de caza, que supoñen 100.000 euros dende o ano 2016, para apoiar labores de divulgación e de fomento da actividade cinexética, como na que esta tarde participaron preto de 150 cazadores.
Ángeles Vázquez afirmou que as novas tecnoloxías están moi presentes no día a día de todos, polo que destacou que se aborde neste curso a contribución das novas tecnoloxías á seguridade na caza, así como outros aspectos relacionados coa seguridade alimentaria.
A conselleira fixo fincapé no labor que os cazadores realizan para o control de determinadas especies, como o xabaril, unha especie cinexética que en 2018 orixinou máis de 1.600 chamadas ao 012 por avisos de danos. Lembrou que para garantir o control da especie, a Consellería introduciu como novidade na tempada de caza 2019-2020 ampliar nun mes o período hábil de caza do xabaril.
Por último, manifestou que a actividade cinexética non é só algo máis que facer no tempo libre, senón que os cazadores desempeñan unha función importante para a sociedade. Nese sentido, recordou que a Consellería traballa nun novo Regulamento de Caza, no que se recollerán as inquedanzas deste colectivo e que se prevé que se aprobe no vindeiro ano.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.