Formar para previr e dar resposta ao acoso sexual e por razón de sexo

O curso impartirao a experta en igualdade Karen Campos McCormack, da IE University
Por o 19/04/2017 | Sección: Universidade de Vigo
Formar para previr e dar resposta ao acoso sexual e por razón de sexo

Os dereitos á igualdade, á non discriminación, á salvagarda da dignidade, á integridade moral, á intimidade e ao libre desenvolvemento son básicos nos estados democráticos e están recollidos e garantidos na Constitución Española, na Lei para a igualdade efectiva entre homes e mulleres e en diversas normativas da Unión Europea. Así e todo, é necesario facer un traballo de concienciación, por iso a Universidade de Vigo organiza o curso Prevención e resposta ao acoso sexual e por razón de sexo. O prazo de inscrición está aberto na plataforma Bubela ata este mércores 19 de abril e pode matricularse todo o persoal de administración e servizos.

Durante as seis horas que durará a xornada, as e os asistentes poderán aprender a identificar e frear o acoso sexual ou por razón de sexo, así como coñecer o protocolo posto en marcha pola Universidade para denuncialo. “A mensaxe máis importante do curso é que todas as persoas temos unha responsabilidade para crear unha contorna de traballo e estudo positivo e de respecto. Para facer fronte ao acoso sexual ou por razón de sexo é necesario que se involucre toda a comunidade universitaria, por iso buscaremos unha maior compresión das dinámicas e tipos de acoso e o seu impacto na Universidade”, explica Karen Campos McCormack, docente do obradoiro que cursou o mestrado en Estudos de xénero na University College Dublin e que actualmente traballa na IE University.

Este curso, que se impartirá o 2 de maio no edificio Miralles, é o primeiro organizado polo Servizo de Persoal e Administración e Servizos sobre o tema. Terá un enfoque “eminentemente práctico e participativo” no que se abordarán “algúns aspectos relacionados coa normativa e discutiremos casos prácticos onde veremos as claves de actuación e consideracións de confidencialidade e protección da vítima”, explica a docente. O obxectivo desta xornada, ademais de afondar na concienciación e na responsabilidade de toda a comunidade, é que “as e os participantes estean informados sobre o seu papel na prevención e a resposta na Universidade”, afirma a experta, que deseñou as políticas de igualdade, de identidade e programas efectivos de sensibilización para o University College Dublin.

Comprender as dinámica do acoso

O acoso sexual ou pola razón de sexo vai máis aló dos comportamentos físicos. Inclúe ataques verbais, sexan da natureza que sexan, sempre que teñan o propósito ou produzan o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa ou crear unha contorna intimidatoria, degradante ou ofensiva. “A clave está no impacto que poida ter na vítima”, matiza Campos. Algúns exemplos de comportamentos susceptibles poderían ser condutas discriminatorias, formas ofensivas de dirixirse a persoas, ridiculizar, desdeñar as capacidades, habilidades e o potencial intelectual, empregar o humor sexista ou homófobo ou desprezar traballo realizado. Por iso, como explica a docente, “as testemuñas indícannos que pode ter un impacto moi grande na saúde mental, no benestar e na vida profesional ou académica da persoa acosada”.

Este problema é un fenómeno transversal que afecta a todas as categorías profesionais e todos niveis de renda. Aínda que cada situación e cada persoa é diferente, a experta recomenda “que se busque axuda e asesoramento o antes posible ante unha situación de acoso, xa que se pode escalar e ter un impacto máis negativo se continua no tempo”. Os grupos máis vulnerables son as mulleres, máis aínda as que padecen algunha discapacidade, inmigrantes, novas, aquelas que acceden a categorías profesionais tradicionalmente masculinas ou as que teñen un contrato eventual. As persoas pertencentes a minorías sexuais como homosexuais, bisexuais, transexuais ou transxénero, entre outras, son tamén vulnerables a ser acosadas por razón de sexo na contorna laboral. “Debemos mostrar tolerancia cero, facer fronte a condutas non apropiadas, coñecer o protocolo e ofrecer apoio ás vítimas”, conclúe Campos.