Fotografía solidaria no Hospital Álvaro Cunqueiro

O Hospital acolle a exposición fotográfica da Liga Reumatolóxica Galega que mostra as distintas afectacións reumatolóxicas de pacientes
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Fotografía solidaria no Hospital Álvaro Cunqueiro

O Hospital Álvaro Cunqueiro inaugurou a exposición de fotografía “Liga Flash: máis alá dunha imaxe” da Liga Reumatolóxica Galega. Trátase dun proxecto solidario no que 13 fotógrafos galegos mostran de modo artístico en 25 fotografías as distintas afectacións reumatolóxicas de xente real, mulleres, homes e nenos. Así, membros da Liga Reumatolóxica son os modelos que participaron nas sesións fotográficas.

Segundo explicou o xerente da Liga Reumatolóxica Galega, José León “o obxectivo era que cada un dos fotógrafos dera a súa visión deste colectivo evitando a recreación nas doenzas e destacando a actividade, a normalidade e a peculiaridade das persoas que dalgún xeito están ligadas a unha enfermidade reumática”-.

A temática é variada e os fotógrafos captaron desde o embarazo, a maternidade e a sexualidade -xa que algunhas doenzas reumatolóxicas e a súa medicación dificultan ou impiden estes procesos vitais- ata os pacientes infantís ou a implicación da familia e o entorno social.

600.000 afectados en Galicia

A Liga Reumatolóxica Galega é unha asociación sen ánimo de lucro formada por persoas con enfermidades reumáticas, familiares e profesionais, que traballa coa finalidade de ofrecer soporte e asesoramento aos afectados para mellorar a súa calidade de vida.

As enfermidades reumatolóxicas son un conxunto de doenzas crónicas, dolorosas e incapacitantes -hai cerca de 300 tipos-, tales como a artrite, a artrose, o lupus, a osteoporose, a fibromialxia, a lumbalxia ou a cervicalxia.

En Galicia, máis de 600.000 galegos e galegas sofren algún tipo de patoloxía reumática, mentres que un de cada tres poderán desenvolver algunha delas ao longo da súa vida. Ademais, tamén impacta nos menores de 16 anos, sobre todo a artrite idiopática xuvenil, que na comunidade galega afecta a preto de 400 mozos e mozas. As doenzas reumáticas supoñen a primeira causa de incapacidade física no mundo occidental, e provocan un grave problema económico no noso país, non só polas baixas laborais e incapacidades, senón polo consumo de recursos sociosanitarios.

Neste senso, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, agradeceu á Liga Reumatolóxica Galega esta iniciativa xa que “é un xeito de visibilizar estas enfermidades nas que temos que estar todos xuntos -pacientes, profesionais sanitarios e administracións- para seguir avanzando nas medidas de autocoidado dos pacientes e nas políticas laborais de reinserción e flexibilización”-.

Para finalizar a súa intervención, Rubial asegurou que “a adhesión da EOXI de Vigo a esta iniciativa enmárcase no Plan de Humanización desta área sanitaria, concretamente ao referido á solidariedade na práctica asistencial e institucional, e no contexto colaborativo coas Asociacións de Pacientes, co fin de estreitar os mecanismos de cooperación dirixidos a mellorar a saúde e o benestar da nosa poboación.”