Fotografía e xénero, e elaboración de pan artesán, grandes novidades da nova oferta de obradoiros

O curso pasado pasaron por estes talleres máis de 200 persoas
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Fotografía e xénero, e elaboración de pan artesán, grandes novidades da nova oferta de obradoiros

Fotografía e xénero: análise de imaxes contra a desigualdade e Elaboración de pan artesán con ‘formento’. Estas son as grandes novidades da nova oferta de obradoiros, nove propostas formativas nas que se combinan novas propostas coas que chamar a atención da comunidade universitaria e demais persoas interesadas con outras suxestións máis tradicionais con público asegurado, como teatro ou música tradicional, ou outras alternativas que, dado o seu éxito, repiten ano tras ano (iniciación á maxia, identificación práctica de cogomelos, horta ecolóxica…). O ano pasado pasaron por estes talleres máis de 200 persoas e a previsión é igualar ou superar esta cifra.

Novas propostas actualizan a oferta destes talleres

Impartido pola docente Amada Traba e a fotógrafa Natalia González Devesa, o obradoiro  Fotografía e xénero: análise de imaxes contra a desigualdade ensinará ás persoas asistentes a empregar a fotografía e os medios audiovisuais como ferramentas de análise da realidade de xénero e como se usan as imaxes para perpetuar estereotipos femininos e masculinos. Para conseguilo analizarase o tratamento da imaxe de xénero na publicidade, no cine e na prensa, así como a evolución destas imaxes na historia da fotografía. Cun límite de 20 prazas e unha duración de 30 horas, as clases serán os luns e martes de 17.00 a 19.00 horas na EU de Estudos Empresarias.

O obradoiro Elaboración de pan artesán con ‘formento’ correrá a cargo de César Lema, docente noutras edicións dos talleres sobre plantas silvestres comestibles, e Sofía Armenteros. O obxectivo é aprender a elaborar pan de maneira artesán empregando o ‘formento’ ou fermento, “o que en castelán se coñece como ‘levadura madre’ e que non hai que confundir coa masa nai”, explican os responsables do curso. O obradoiro constará dunha parte teórica, na que se falará, entre outros aspectos, dos diferentes cereais e pseudocereais, as súas propiedades, as avantaxas de empregar o fermento en lugar do lévedo prensado de panadería, as diferentes fariñas ou as propiedades nutritivas dun pan ben feito de forma artesanal; e unha parte práctica de elaboración (autólises, mestura, repouso, amasado, fermentacións, boleado, formado e cocción) de pans dos diferentes cereais, pseudocereais e fariñas de plantas silvestres e landras. A cita será neste caso todos os mércores pola tarde na sala 2 do edificio Miralles a partires do 10 de outubro.

Se ben xa se ofertou noutras ocasións –aínda que non chegou a impartirse por non contar con suficientes persoas matriculadas-, este outono recupérase tamén o curso Estratexias para a composición escrita, unha iniciativa que se levará a cabo na Facultade de Filoloxía e Tradución a cargo da docente María Suárez e co que se busca mellorar a comprensión e a produción escritas en contextos académicos, sociais e científicos, así como aprender a redactar textos en función do receptor ao que se destina.

Continúa a aposta pola revalorización do natural

Seguindo na liña de revalorización do natural e dos produtos locais, regresa tamén este outono o obradoiro Cosmética natural aproveitando a contorna, unha proposta que xa se realizou noutras ocasións con notable éxito e que se vai alternando co taller de plantas comestibles. Da man de Patricia Puga, o programa combinará as saídas de campo coa elaboración de macerados, tinturas medicinais, xabóns, ungüentos, pastas de dentes…

Outro clásico é o de agricultura ecolóxica, que chega de novo da man de Jacobo Ojea e que combinará as clases de carácter máis teórico coas prácticas na horta que está situada detrás do Cinbio; e o de Identificación práctica de cogomelos, no que, o alumnado realizará cada día  saídas polo campus para recoller e manipular cogomelos ‘in situ’ para despois identificalos na aula.

Prazos e prezos

As persoas interesadas en matricularse nalgunha destas nove propostas debe facelo na plataforma Culturxest antes do vindeiro xoves 4 de outubro. O prezo é de 26 euros para persoas da comunidade universitaria e 40 euros para o público en xeral e, ao remate de cada un dos obradoiros entregarase un diploma acreditativo con recoñecemento de un crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas.