Francisco Javier López Corrales e José González Groba serán os vicexerentes de Economía e Persoal, respectivamente

Trala confirmación hai unhas semanas de que será Raquel Souto a xerente do novo equipo de goberno, hoxe dábanse a coñecer os nomes dos vicexerentes de Economía e Persoal, que completan o equipo xerencial. Francisco Javier López Corrales, docente e investigador do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade será o vicexerente de Economía, mentres que José González Groba, ata o de agora administrador de centros do campus de Pontevedra, ocupará o posto de vicexerente de Persoal. “En ambos os dous casos trátase de persoal da casa, PDI e PAS, respectivamente, tal e como nos comprometeramos na campaña electoral”, sinala o reitor electo, Manuel Reigosa, en relación coa designación dos vicexerentes.

Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, Francisco Javier López Corrales imparte docencia na actualidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no campus de Pontevedra. Autor dunha ducia de libros sobre contabilidade privada, pública e auditoría, quen será novo vicexerente de Economía é catedrático de Ensino Secundario en excedencia e docente da Escola Galega de Administración Pública. Director de dous teses de doutoramento sobre auditoría, López Corrales, que realizou diversos traballos para empresas dos sectores público e privado, desenvolve o seu labor investigador no grupo CoAFin, que centra a súa actividade nas áreas da contabilidade, auditoría e finanzas.

Pola súa banda, José González Groba incorporouse á Universidade de Vigo como funcionario público de carreira no ano 1995 e dende entón ata a actualidade exerceu as responsabilidade de xefe de negociado de Extensión Universitaria (1995-2000); xefe de negociado de Asesoría Xurídica (2000-2003); administrador de centros do campus de Pontevedra (2003-2007); persoal eventual en calidade de vicexerente de Asuntos de Persoal (2007-2008) e administrador de centros do campus de Pontevedra (2008, ata a actualidade).

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM