Francisco Torres, único candidato nas eleccións ao decanato de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Substituirá á profesora de Dereito Constitucional, Almudena Bergareche, no cargo desde 2016
Publicado por o día 05/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Francisco Torres, único candidato nas eleccións ao decanato de Ciencias Xurídicas e do Traballo

O profesor de Dereito Mercantil Francisco Torres encabeza a única candidatura ao decanato da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A Xunta de Facultade na que se elixirá ao novo decano celebrarase o vindeiro luns 11 de novembro e, de acadar os apoios suficientes, Torres substituirá no cargo á profesora de Dereito Constitucional Almudena Bergareche, quen fora elixida decana en setembro de 2016 cunha axustada vitoria fronte a docente de Dereito Administrativo Patricia Valcárcel.

A candidatura encabezada por Torres complétase con Maria Antonia Arias (profesora da Área de Dereito Administrativo) como secretaria da facultade; Belén Fernández Docampo (Dereito de Traballo) como vicedecana e coordinadora do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Lidia Noriega Rodríguez (Dereito Civil) como vicedecana e coordinadora do Grao en Dereito; Regina Ibañez Paz (Informática) como vicedecana de Calidade, e José Carlos Orge Míguez (Contabilidade) como vicedecano de Asuntos Xerais e Alumnado. “Somos un grupo de persoas que temos experiencia en xestión”, explica Torres, ao que engade que “coñezo a súa traxectoria desde hai tempo e penso que é un equipo excelente. Intentarei, en caso de saír elixido, coordinalos ben e non defraudalos. Isto supón para min unha gran responsabilidade”.

Programa electoral estruturado en catro grandes bloques

O programa co que se presentan ás eleccións contempla unha serie de medidas divididas en catro grandes apartados. O bloque 1 xira en torno á organización académica e as titulacións e nel contémplase a reorganización da estrutura do centro facendo coincidir a figura da coordinadora de grao con cadanseu vicedecanato: un para Relacións Laborais e Recursos Humanos e outro para Dereito. O segundo bloque inclúe todos os temas relacionados con normativa e transferencia de resultados de investigación, incluíndo a adaptación do regulamento de réxime interno da facultade aos Estatutos e á nova estrutura organizativa, e o incremento das asignacións orzamentarias para conferencias/internacionalización e libros.

O alumnado e as infraestruturas centran o bloque 3. Entre outras medidas, o equipo liderado por Torres propón a creación dunha aula de formación legal, un espazo dirixido a toda a comunidade universitaria no que se impartan cursos relacionados coas titulacións do centro e con competencias transversais: software legal e de xestión de recursos humanos, xestión de despachos, comunicación… No caso do bloque 4 concentra todas as cuestións relacionadas con calidade, destacando a reorganización do sistema de Plan de Acción Titorial, PAT. “Gustaríame subliñar a necesidade que temos no centro de apoio administrativo concreto en materias como calidade, posgraos, prácticas externas, etc. É un dos principais obstáculos que tiven para decidirme a conformar esta candidatura, pero coido que se pode solucionar”, explica o docente.

Este mércores reunirase con todos os colectivos da facultade

“Son propostas que temos debatido entre as persoas que integramos a candidatura. Non obstante, admitimos todas as suxestións de mellora que nos poidan ir chegando”, explica o candidato, ao que engade que ademais destas medidas  existen outras moitas accións e políticas con arraigo no centro que continuarán sendo organizadas e promovidas. Precisamente para dar a coñecer o seu programa e recoller novas ideas desde a candidatura organizaron para mañá mércores diferentes asembleas, tanto para o PDI e o PAS (unha ás 14.15 e outras ás 16.15 horas, ambas na aula A209) como para o alumnado (aula 1 ás 15.00 horas).