Fresado e asfaltado do entronque de Lepanto con San Antoniño

Esta previsto para mañá, 5 de novembro, entre as 10.00 e as 19.30 horas. Obriga ao peche de San Antoniño até Xavier Puig.
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Fresado e asfaltado do entronque de Lepanto con San Antoniño

A Concellaría de Obras que xestiona Demetrio Gómez remata esta semana os traballos de reforma da rúa Lepanto co asfaltado do entronque con San Antoniño, tal e como estaba previsto.

A pavimentación farase mañá, 5 de novembro durante toda a xornada. Os traballos supoñen realizar un fresado e asfaltado de todo ese espazo, para o que será preciso pechar totalmente a rúa San Antoniño entre a Praza de Barcelos e Xavier Puig. Durante o tempo que duren as obras a rúa Xavier Puig inverterase para facilitar o acceso aos garaxes das rúas Altamira e Xavier Puig.

O peche está previsto a partir das 10.00 horas até ás 13.30, e de 15.00 até o remate da xornada prevista sobre as 19.30 horas.

Esta é a última parte da obra de reforma de Lepanto que tivo un custe de execución de 183.401,08 euros (a licitación era de 256.505 euros) e consistiu na substitución de servizos soterrados de saneamento (canalización de pluviais e abastecemento), a creación dunha plataforma única, a mellora da accesibilidade universal, calmado de tráfico, mellora da iluminación pública e creación dunha praza no entronque con Benito Corbal “que dá máis calidade urbana nunha zona que lle facía falta”, explicou o alcalde na súa visita á rúa.

Unha vez rematada a obra, o sentido do tráfico rodado será de Benito Corbal cara San Antoniño e poderá empregarse polas persoas que o precisen.

Cabe lembrar que o ritmo de traballo acompasouse coas obras de reforma do edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, e comezou unha vez que se rematou a ampliación das beirarrúas en Benito Corbal. Con esta reforma dáse por rematada a mellora das perpendiculares de Benito Corbal con San Antoniño.