A concelleira de Igualdade, María Jesús Sánchez, ante os últimos casos de violencia de xénero, lembra que o Concello de Lalín ofrece a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) un servizo de asistencia integral ás mulleres vítimas da violencia de xénero e aos menores ao seu cargo do que pode facer uso calquera muller que estea a sufrir este problemática. Este servizo articúlase dende unha intervención global dirixida ás mulleres e proporciona asesoramento xurídico e atención psicolóxica, establecendo como carácter prioritario a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e mulleres pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, as actividades de prevención, información, asesoramento e loita contra a violencia de xénero, así como información e asesoramento ao colectivo LGTBI, tanto individual como ás asociacións que o demanden.
As 37 mulleres e os 3 menores asasinados por violencia de xénero no que vai de ano, é unha cifra que pon de manifesto a urxencia e a necesaria concienciación do problema que está a sufrir a nosa sociedade e da que todos e todas somos participes na procura da súa solución.
O Concello de Lalín, a través da Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Mª Jesús Sánchez, quen hoxe mantivo unha reunión de traballo coa técnica do CIM, Teresa Rocha, e no seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, na eliminación da discriminación entre homes e mulleres e na promoción da igualdade, mantén este servizo dende fai 16 anos, un recurso de titularidade municipal e subvencionado pola Secretaria Xeral de Igualdade .
As actuacións no exercicio das súas funcións están marcadas polos principios de confidencialidade, o respeto a vontade das persoas usuarias na busca de posibles solucións e alternativas as consultas expostas, a prestación gratuita do servizo e a coordinación con outros recursos, establecendo o principio de atención universal no ámbito territorial con independencia do concello de procedencia da persoa atendida.
Dende fai 4 anos o CIM mantén un convenio de colaboración de prestación do servizo compartido cos Concellos de A Golada e Rodeiro, así mesmo, dende o 2012, a través do Cim, o Concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero co obxectivo de promover actuacións encamiñadas a sensibilización da poboación e fomentando modelos alternativos de convivencia basados no respecto a igualdade.
O CIM está atendido por duas técnicas , unha asesora xurídica e unha psicóloga en horario de 8:00h a 15:00h de luns a venres, nas dependencias da pranta baixa do Concello.
Noticias de última hora en Vigo