Funcionamento do servizo CALL CENTER do SERGAS

Comunicado Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública
Publicado por o día 17/10/2016 na sección de Sanidad,Vigo

Funcionamento do servizo CALL CENTER do SERGAS

As usuarias e usuarios quéixanse a diario polo mal funcionamento do Call Center e o servizo de IVR contratado pola Consellería de Sanidade. Dous servizos de cita telefónica que en teoría foron contratados para asumir o exceso de chamadas dos centros de saúde e hospitais. En paralelo pecháronse postos de cita previa en hospitais e amortizáronse prazas de persoal administrativo que, entre outras, realizaban esa función. Tarefa que seguen realizando os traballadores de cita previa que están en activo a día de hoxe, pois os mencionados servizos non absorben máis que un pequeno porcentaxe das chamadas.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade está a contabilizar como servizo realizado o feito de marcar o número. Outra cousa é que a usuaria que realiza a chamada consiga do servizo a cita ou a información que solicita.

Ao final as usuarias e usuarios terminan poñéndose en contacto cos centros e hospitais porque eses servizos non están capacitados para dar a información da multitude de trámites que se dan no entramado da cita administrativa e as circunstancias peculiares de cada centro de saúde. A isto temos que engadir o elevado número de erros nas citas, que logo teñen que corrixirse nos centros do SERGAS, co conseguinte perxuicio tanto para médicos, administrativos ou usuarias e usuarios afectados.

PRESENTACIÓN DE SINATURAS E ESCRITO Á CONSELLERÍA.

Ante todo isto, nos anos 2008/2009 realizouse un muestreo con recollida de sinaturas en cinco centros da área da Coruña para facer unha enquisa sobre o grao de satisfacción das usuarias e usuarios e intentouse canalizar o resultado da sondaxe, primeiro a través de UXT e logo a través da CIG, para facelo chegar á Conselleira Rocío Mosquera, e que coñecera de primeira man o descontento da cidadanía co mal funcionamento deste servizo.

En 2009 UXT presento no rexistro da área sanitaria de Santiago 6.651 sinaturas de usuarias e usuarios que amosaban que o 98% das sinaturas recollidas non estaban satisfeitas co mencionado servizo privatizado de cita telefónica. Xunto con estas sinaturas presentouse un escrito pedíndolle á anterior conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, que tomase cartas no asunto e eliminase dito servizo por non estar a realizar o cometido polo que en teoría adxudicouse e por resultar altamente custoso. Falamos de case dous millóns de euros.

Ao mesmo tempo hai unhas listas de contratación do SERGAS de Persoal de Servizos Xerais con persoal moi preparado para realizar a tarefa de asumir o exceso de chamadas dos centros e hospitais. Tamén hai que ter en conta que os traballadores das ETTs que operan no Call Center están tendo acceso a datos persoais das usuarias e usuarios sen ser persoal do SERGAS.

Ante esta petición non houbo resposta da conselleira, e a día de hoxe UXT non volveu a solicitar contestación da consellería, e tampouco ocupouse de volver a reclamala.

Desde esas datas, e ante a inacción desta central sindical pediuse, concretamente a Dª. Luísa Mosquera que devolveran a copia das sinaturas, así como do escrito presentado, tanto telefónicamente como con varios correos a UXT-Sanidade do C.H.U.A.C., para non perder o traballo e o tempo que requiriu xuntar esas sinaturas, coa intención de retomar a denuncia e conseguir unha contestación do actual conselleiro de sanidade.

Moitas chamadas e correos a representantes sindicais da UXT co resultado final de que extraviaron a copia das sinaturas. Tampouco fixéronse eco da petición de reclamar copia do escrito presentado en 2009 no rexistro para seguir adiante coa reclamación.

O mesmo sucedeu coa central sindical CIG, á que no seu día se lle pasaron outras mil sinaturas para intentar o mesmo. Tamén moitas chamadas a Dª María Seijo e correos a CIG-Sanidade do C.H.U.A.C. e a D. Ramón Veras, entre outros, reclamando as sinaturas que se lle confiaran. A resposta foi que se perderon.

Lamentamos profundamente a inacción destes responsables sindicais ante o traballo feito por traballadoras e traballadores preocupados polo bo funcionamento da nosa sanidade pública. Incluso aceptaron en conversa telefónica que estiveron dando largas a estas persoas durante todo este tempo. Responsables sindicais todas e todos eles que din defender a sanidade pública. Resulta lamentable.

É triste comprobar, ante a situación que se está a vivir na sanidade pública, como estes dirixentes sindicais, que deberían estar preocupados polo bo funcionamento desta institución, non só polo ben das súas traballadoras e traballadores, se non tamén para que as e os doentes sexan atendidos en condicións dignas, non están a facer todo o que deberan, senón que obstaculizan e desprezan ca súa actitude, o traballo e o empeño de traballadoras e traballadores que SÍ preocúpanse pola nosa sanidade, incluso foron eles os que se encargaron de elaborar os documentos para a recollida de sinaturas.

Dende esta Coordinadora anunciamos que apoiaremos e colaboraremos na recollida de sinaturas destas traballadoras e traballadores. Contaremos para elo co apoio de dúas centrais sindicais, SAGAP e PROSAGAL, que SÍ están a facer un bo traballo en defensa das súas traballadoras e usuarias da sanidade pública, como demostrouse recentemente na sentencia contra a Xunta de Galicia por fraude de lei na contratación temporal, e unha vez mais, ante a inacción das centrais sindicais maioritarias. Estes sindicatos SÍ teñen moi claro que a loita é conxunta entre profesionais e usuarias e usuarios.