Funcionamento dos Servizos Sociais Municipais e a tramitación das Axudas de Emerxencia Municipal

Publicado por o día 22/11/2013 na sección de Anova,Política

Funcionamento dos Servizos Sociais Municipais e a tramitación das Axudas de Emerxencia Municipal

 Dende ANOVA VIGO denuncian o funcionamento irregular dos Servizos Sociais do Concello de Vigo, así como a opacidade e arbitrariedade no procedemento e tramitación das AEM (Axudas de Emerxencia Municipal) por parte das traballadoras socias das UTS (Unidades de Traballo Social).

  O Departamento de Políticas de Benestar Social, que dirixe a concelleira Isaura Abelairas, presentou para o ano 2013 un orzamento de 445.000 € destinados ao Programa de Subvencións Directas Individuais de Emerxencia do Concello de Vigo. Dentro deste programa aprobáronse as bases reguladoras destas axudas, en Xunta de Goberno Local de 28/12/2012.

  Segundo recollen as bases, poderán optar a este tipo de axudas as persoas ou familias que se atopen en situación de necesidade social. Están previstas para sufragar gastos de vivenda (aluguer, créditos hipotecarios, débedas de comunidade, enerxía eléctrica, auga e gas), gastos de aloxamento, alimentación básica, gastos de atención sanitaria non cubertos pola seguridade social e gastos persoais.

 Dende ANOVA VIGO,a petición de varias usuarias deste ,levan facendo unha auditoría o funcionamento das UTS acompañando as usuarias na presentación das suas solicitudes e puideron comprobar:

-O funcionamento do departamento de Benestar Social no tocante a este tipo de axudas resulta opaco, irregular e mesmo arbitrario, afastándose non só do recollido nas citadas bases reguladoras, senón mesmo da lexislación común a todo procedemento administrativo.

  Efectivamente, atopámonos con graves irregularidades, tanto no referente á tramitación formal das axudas como no que atinxe aos criterios de concesión e mesmo ao comportamento dalgunhas traballadoras sociais coas persoas.

  Así, atopáronse con que, non se permite aos solicitantes obter unha copia selada nin ningún outro tipo de acreditación documental das solicitudes das axudas que se tramitan.

  Comprobaron tamén que, en moitos casos, a propia traballadora social, nese momento en que o usuario lle manifesta a súa intención de solicitar unha AEM, négalle tal posibilidade, con razóns, ou mesmo escusas, que varían segundo os casos: “non cha van conceder”, “non tes dereito a ela”,etc.

  ANOVA VIGO manifestamos que:

 A obriga profesional, legal e mesmo ética das traballadoras sociais é aceptar todas e cantas solicitudes de AEM lles cheguen.

  A realidade non e tal e,en contra disto, o que os seus responsables políticos lles piden e o que elas están a asumir é actuar como “filtro previo” que, por unha banda, impide ás persoas máis necesitadas dirixirse ao Concello para demandar solucións aos seus problemas, e por outra, consegue que só cheguen á Comisión aquelas axudas que elas (por si mesmas ou por indicación dos seus superiores) consideran que deben de concederse.

  Denuncian tamén, a vista de tales feitos, que o Concello de Vigo está manipulando os datos estatísticos sobre as AEM concedidas polo departamento de Benestar Social e vendendo, falsamente, que o Concello de Vigo cobre as necesidades da cidadanía en situación precaria ou de necesidade.

  Dende ANOVA VIGO instase o Concello de Vigo e a Concelleira Isaura Abelairas a que aclaren publicamente estas situacións.

  ANOVA VIGO tomou a firme resolución de continuar facendo auditorias os Servizos Sociais dependentes do Concello de Vigo e, de non correxirse estas irregularidades, proceder a sua denuncia noutras instancias.

Prensa Anova Vigo