A Fundación Novacaixagalicia comeza con todas as prazas cubertas das actividades escénicas dirixidas a escolares

Publicado por o día 30/10/2013 na sección de Cultura

A Fundación Novacaixagalicia comeza con todas as prazas cubertas das actividades escénicas dirixidas a escolares

  Máis de 75 000 escolares están apuntados ás actividades escénicas e musicais que programou a Fundación Novacaixagalicia para o curso escolar 2013 / 2014 cunha xeira de propostas para nenos que se levará a cabo ao longo das distintas cidades galegas e que comezará a próxima semana. Todas as prazas ofertadas se esgotaron, houbo case 94 000 solicitudes, e a fundación ampliou as representacións para poder atender a demanda na medida en que foi posible polo calendario.

A Fundación Novacaixagalicia deseñou unha programación para a comunidade educativa de produción fundamentalmente galega, un 80 % das obras foron creadas e producidas en Galicia, e inclúe espectáculos e actividades de diferentes disciplinas: arte, música, teatro e cine dirixidos a diferentes idades e niveis educativos.

Nuncabunga da compañía Elefante elegante é unha obra teatral dirixida a rapaces de Educación Infantil, de 3 a 6 anos, que foi galardoada co premio María Casares ao mellor espectáculo, trátase dunha obra cómica e poética sen palabras que trata valores como o respecto, o saber compartir e convivir. Vigo, Pontevedra e Ourense recibirán este espectáculo.

O galo dos cataventos da compañía La canica Teatro de Títeres obtivo o premio FETEN ao mellor espectáculo 2013 e á mellor interpretación feminina. Dirixida a rapaces de Educación Infantil, de 3 a 6 anos, conta a historia dun galo que igual que toda a súa familia viviu sempre no mesmo galiñeiro, pero que, logo dunha conversa cun paxaro decide saír a coñecer o mundo: o río, a fraga, a montaña e o mar. Unha proposta que visitará soamente a cidade olívica.

Lume da Compañía Teatro Babaluva é un espectáculo dirixido a nenos de Educación Infantil, de 3 a 6 anos. Nesta proposta anovadora de teatro de obxectos, dúas marioneteiras recrean un bosque e os seus animais para contar unha historia que procura a sensibilización medioambiental, utilizando unha técnica mixta de contacontos e monicreques de mesa. Os pases serán en Pontevedra, Ourense, A Coruña, Ferrol e Lugo.

Bon Appétit, Compañía Teatro dos Ghazafelhos, vai dirixida ao primeiro ciclo de primaria. Unha comedia onde a cociña tradicional galega é o ingrediente perfecto para escachar de risa e na que o sinxelo pode ser tremendamente difícil e o divertido pode ser moi perigoso…. Con referencias á cociña de Álvaro Cunqueiro. Visitará as cidades de Vigo, Pontevedra e Ourense.

A nena e o grilo nun barquiño da Compañía A nena e o Grilo está pensada para os pequenos do primeiro ciclo de educación primaria. Unha nena e un grilo prepáranse para vivir unha historia de aventuras coa que descubrirán o mundo e seus segredos, tamén o seu propio mundo interior. As aventuras inciden directamente en temáticas como a solidariedade, o respecto pola natureza, a identidade, o desenvolvemento do universo afectivo e a curiosidade por todo o que os rodea. As cidades de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Ferrol e Lugo gozarán con estas aventuras.

Orientada ao segundo ciclo de primaria chega a obra de Tanxarina Títeres Trogloditas, gañadora dos premios María Casares a mellor maquillaxe e mellor vestiario. Da man dos monicreques e das súas primitivas habilidades os nenos coñecerán a singular forma de vida dos nosos devanceiros máis divertidos. Unha sorprendente ambientación, unha orixinal linguaxe e unha prehistórica escenografía farán que os escolares perdan, durante a representación, o sentido do tempo. Chegará ás localidade de Vigo, Pontevedra e Ourense.

Sandra e Meirol en Xistralia, Compañía Gaiteiros da Xistra, conta como esta nena, a pesar da súa curta idade, é unha grande experta en adiviñas, romances, cantigas e outros costumes que conforman o Cancioneiro Popular Galego. Nas súas viaxes por Xistralia transitará por labirintos, dos que sairá coa axuda dos fastudos, romperá os encantamentos da Meiga descifrando os enigmas musicais e mesmo será raptada por Draco, o dragón de dúas cabezas, envexoso da súa curmá a Coca. Música e tradicións galegas para os rapaces do segundo ciclo de educación primaria. Vigo, Pontevedra e Ourense acollerán o espectáculo.

The time traveller de Blue Mango Theatre vai dirixida ao terceiro ciclo de primaria. É unha obra cuxo idioma é o inglés e que conta a historia de Liz, unha rapaza aparentemente normal, pero cunha característica moi especial: pode viaxar no tempo. Preséntase seu percorrido a través dos séculos e a súa relación con famosos personaxes da historia. Unha obra entretida que versa sobre o pasado e todo o que nos pode ensinar. Visitará Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo.

Vaia circo…, Compañía Odaiko Percussion Group, vai dirixido aos nenos que cursan o terceiro ciclo de primaria. Desta volta, Odaiko mergúllase neste espectáculo didáctico facendo fincapé nos tres elementos que sempre lle caracterizaron como banda: o virtuosismo, humor e posta en escena. Os percutores contan unha historia na que a palabra «circo» toma toda a súa ambigüidade para definir un curioso espectáculo. Percorrerá Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Ferrol e Lugo.

Ciclo de Cine Submarino, en colaboración coa Universidade de Vigo e dirixido aos nenos do terceiro ciclo de primaria e o primeiro da ESO, a actividade proxecta traballos sobre o mar e os ríos galegos, ao mesmo tempo que segue coa súa visión internacional e global ao traer novas producións que mostran a espectacularidade dos fondos mariños de todos os océanos. Proxectárase unicamente na cidade de Vigo.

Odaiko nas escolas II da Compañía Odaiko Percussion Group é un espectáculo que fará un percorrido musical pola historia da humanidade desde os seus inicios, centrándose especialmente na relación existente desde sempre entre o ser humano e o mundo da percusión. Estará nas cidades de Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo.

OS OBRADOIROS DAS EXPOSICIÓNS

Ademais, como en cada tempada escolar, a Fundación Novacaixagalicia preparou un completo programa didáctico vinculado ás súas mostras nas diferentes cidades galegas. Deste xeito a fundación introduce aos máis pequenos no coñecemento do mundo da arte nas súas diferentes manifestacións dun modo lúdico e promove, ademais a súa creatividade. Cada exposición, cada artista, cada movemento plástico suscita unha didáctica completa e adaptada aos diferentes niveis educativos e uns obradoiros diferentes. Así para este novo curso programáronse obradoiros de contos, de pintura, audiovisuais ou xincanas para obter as pegadas que nos leven a coñecer a diferentes artistas.

Máis de 8000 nenas e nenos xa se apuntaron aos obradoiros programados para as exposicións que se poden visitar actualmente nas distintas cidades ou que están a piques de se inaugurar. As mostras que propiciaron estes obradoiros son sete:

Esencia dunha colección. Fundación Novacaixagalicia e A Fauna na obra de Ruibal en Vigo; Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936 en Pontevedra; Os anos circulares: últimas tendencias da Figuración en Galicia. 1994-2013 en Ourense; Múltiples. A arte do gravado de Picasso a Barceló en Lugo; Imeldo Corral. Paisaxista das Irmandades en Ferrol e Ron Galella. Paparazzo extraordinaire! na Coruña.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

CALENDARIO ACTIVIDADES ESCOLARES EN VIGO

Auditorio Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia

[box type=”shadow” align=”aligncenter” width=”450″ ]- Nuncabunga – Elefante Elegante Teatro do 11 ao 15 de novembro de 2013 con funcions de 10 e 12 horas.

– Cine Submarino –  3º ciclo de primaria: 26 e 27 de novembro de 2013 –  Funcións: 10 e 12 horas, 1º ciclo de ESO: 28 de novembro de 2013 – Funcións: 10 e 12 horas

– A nena e o grilo nun barquiño – A Nena e o Grilo, do 2, 3, 4 e 9 de decembro de 2013 con funcións as 10 e 12 horas

– The Time Traveller – Blue Mango Theatre, do 13 ao 16 de xaneiro de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– Sandra en Xistralia – Gaiteiros da Xistra, do 27 ao 29 de xaneiro de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– Odaiko nas escolas II – Odaiko Percussion Group, do 17 ao 19 de febreiro de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– Vaia Circo… – Odaiko Percussion Group, do 10 ao 13 de marzo de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– Bon Appétit – Teatro dos Ghazafelhos, do 31 de marzo ao 4 de abril de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– Trogloditas – Tanxarina Títeres, do 5 ao 9 de maio de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

– El gallo de las veletas – La Canica Teatro de Títeres, do 19 ao 30 de maio de 2014 con funcións as 10 e 12 horas

[/box]