A futura Lei de saúde de Galicia creará o distrito sanitario de Monforte que consolida o papel do hospital comarcal como centro de referencia do sur da provincia de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a reforma da Lei de Saúde de Galicia lonxe de debilitar os hospitais comarcais permitirá seguir ampliando a oferta de recursos asistencias
Publicado por o día 28/08/2017 na sección de Sanidad,Xunta de Galicia

A futura Lei de saúde de Galicia creará o distrito sanitario de Monforte que consolida o papel do hospital comarcal como centro de referencia do sur da provincia de Lugo

A futura Lei de saúde de Galicia –cuxo anteproxecto está na actualidade publicado no Portal de Transparencia- creará o distrito sanitario de Monforte de Lemos e consolidará o papel do hospital comarcal como centro de referencia do sur da provincia de Lugo.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa na que ratificou o compromiso do Goberno galego con este centro hospitalario e na que insistiu en que coa reforma do mapa sanitario “non se perde nin autonomía, nin capacidade de decisión, nin se recortan ningún servizo, senón todo o contrario”.

“Monforte será o marco de referencia para a dirección e coordinación de todos os centros de saúde (os de atención primaria), do propio hospital e da atención sociosanitaria”. “De feito –insistiu Balseiro- trátase dunha reforma da estrutura administrativa que non altera, en ningún caso, nin o médico nin o hospital que hoxe teñen asignados os pacientes”

Máis servizos

O delegado territorial tamén quixo insistir en que a reforma da Lei de Saúde de Galicia lonxe de debilitar os hospitais comarcais permitirá seguir ampliando a oferta de recursos asistenciais, como xa aconteceu en Monforte co novo servizo de hospitalización a domicilio ou a nova sala de tratamentos de quimioterapia.

“Fronte a eses falsos augurios atopámonos coa realidade dos feitos. Feitos como que compartir unha mesma área sanitaria na provincia permitirá consolidar o modelo da actual Estrutura de Organización e Xestión Integrada (Eoxi), que é única na provincia, e que fixo posible que os facultativos do HULA se desprazasen ao hospital de Monforte de Lemos para dar novos apoios aos enfermos desta comarca”-explicou o delegado.

Balseiro revelou que só entre 2012 e 2016 se prestaron máis de 10.000 actos asistenciais e consultas por médicos do HULA en Monforte relacionadas con servizos como os de alergoloxía, dermatoloxía, hematoloxía e oncoloxía.

“Só a nova sala de tratamentos de quimioterapia, atendida por oncólogos que se desprazan de Lugo a Monforte permitiu realizar 8.190 consultas a pacientes de cancro sen necesidade de ir a Lugo. Renunciar a este novo modelo de área sanitaria provincial sería dicirlles a estes pacientes e aos 10.000 restantes que en vez de ser atendidos en Monforte o serán en Lugo”

Melloras para o persoal, na transparencia e participación social

O delegado territorial explicou tamén que a nova lei non só traerá vantaxes para a veciñanza e os doentes senón para o conxunto do persoal sanitario. E nesa liña indicou que a futura norma non altera en ningún caso o actual sistema de contratación temporal xa que os profesionais poderán anotarse nas listas dunha das sete áreas que haberá en Galicia e expresar a súa preferencia por un distrito sanitario concreto.

Por outra banda o delegado territorial defendeu que o anteproxecto de lei cumpre ao máximo coas garantías de transparencia e participación. E de feito lembrou que o texto do anteproxecto se comunicou a todos os sindicatos o mesmo día que se publicaba no portal de transparencia e ampliouse o prazo para a presentación de suxestións.

Para Balseiro todo debate sobre a futura lei é enriquecedor e polo tanto son benvidas as achegas que contribúan a mellora a sanidade e nesa liña enmarca as reunións mantidas cos colexios profesionais, cos alcaldes e portavoces municipais. Con todo insiste en que se faga con responsabilidade e en base a argumentos reais sobre o futuro mapa sanitario.

Dixo tamén que para que a participación sexa unha folla de ruta constante se crearán os consellos de saúde, como mínimo un autonómico e un por cada unha das áreas sanitarias nos que estarán representados os concellos, sindicatos e organizacións empresariais e tamén –como novidade- os propios pacientes.