Gabriel Alén destaca a importancia da enfermería de atención primaria na educación para a saúde

O delegado territorial, Gabriel Alén, visitou hoxe o CEIP Calvo Sotelo do Carballiño que acolleu este taller que permite aos nenos e nenas aprender e perder o medo, xogando
Publicado por o día 22/03/2022 na sección de Educación,Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

Gabriel Alén destaca a importancia da enfermería de atención primaria na educación para a saúde

O delegado territorial da Xunta en Ourense acudiu esta mañá ao CEIP Calvo Sotelo do Carballiño para participar no acto de entrega de diplomas aos alumnos e alumnas que asistiron ao taller de primeiros auxilios e educación para a saúde Pupas, Sustos e outros Desgustos, iniciativa de educación para a saúde de Atención Primaria, na que enfermeiras dos distintos Centros de Saúde contribúen a formar aos rapaces de 3º e 4º de primaria, mediante simulación práctica e xogos, para perder o medo e actuar, tanto en pequenos accidentes como emerxencias.

O delegado territorial, tras felicitar aos promotores, monitores e participantes, subliñou a importancia de formar, xogando, aos máis pequenos neste ámbito “xa que nalgunhas ocasións pode salvar vidas, xa que aprenden cando e como alertar aos servizos sanitarios ante unha emerxencia e como actuar”. Deste xeito, ao longo da mañá os rapaces que participaron nesta actividade recibiron unha formación práctica, adaptada a súa idade, para recoñecer as situacións de emerxencia mais habituais, desde as máis comúns -como golpes, cortes, queimaduras ou outras feridas-, a outras de maior gravidade, como un atragoamento, convulsións ou falta de consciencia.

Gabriel Alén indicou que co desenvolvemento deste taller en Ourense, “sumámonos as liñas marcadas pola Organización Mundial da Saúde, que pon en valor o papel dos nenos ante unha situación de emerxencia, e anima a súa formación como vía para salvar vidas, especialmente entre os máis pequenos”. De feito, a OMS suxire o primeiro adestramento entre os nenos de Educación Primaria, entre 6 e 12 anos, precisamente entre os que se desenvolve o Pupas, Sustos e outros Desgustos.

O obxectivo do taller é “empoderar” aos nenos no seu autocoidado e capacitalos para que poidan recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia, e tamén ante as pequenas incidencias e accidentes, perdendo o medo ante situacións da vida diaria.

Dos Centros de Saúde aos Educativos

Este obradoiro, promovido como unha actividade comunitaria máis no marco das funcións da atención primaria, por parte dun grupo de enfermeiras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, dirixidas pola Supervisora da Área de Crónicos , Verónica Civeira, e que se interrumpíu nos últimos dos anos para centrarse na atención a pandemia, reconvertindo os contactos cos centros educativos á educación e prevención fronte a Covid e con gran parte do grupo implicado na vacinación.

Desde seu inicio, no curso curso 2017-2018, precisamente aquí, na comarca do Carballiño, Pupas Sustos e Outros Desgustos chegou a 65 centros educativos da provincia e contou coa participación de case 3.000 nenos. Neste reinicio está programada xa a visita ao CEIP Castrelo de Miño, CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, CEIP O Ruxidoiro, co obxetivo de chegar este ano aos 112 centros de educación primaria da provincia.

Prácticas con simulación de situacións reais

Os talleres teñen unha duración de dúas horas, divididos en dous módulos, cunha breve proxección e explicación inicial, para de seguido realizar exercicios prácticos en grupo. O primeiro módulo refírese as “pupas e sustos de cada día” como febre, diarrea e vómitos, golpes e hematomas, feridas, cortes, sangrado pola nariz, sustancias nos ollos, queimaduras e recomendacións para manterse sans.

O segundo inclúe o capítulo de “sustos e grandes desgustos” onde se lles orienta a recoñecer estas situacións, ao tempo que se lles traslada a importancia e a maneira de alertaraos servizos sanitarios, así como a recoñecer e actuar ante o atragoamento, convulsión ou inconsciencia dunha persoa.

Tamén, ante o suposto dunha persoa inconsciente, os rapaces practican por parellas como comprobar o nivel de consciencia e respiración, ademais de como posicionalo e iniciar as manobras de resucitación cardio pulmonar, gañando tempo ata que cheguen os servizos de emerxencia.

Para avaliar os coñecementos adquiridos realízase unha enquisa previa e posterior ao curso e os resultados son moi positivos no conxunto de situacións. Segundo estas consultas, o pasado ano tras participar no taller o 96,13% dos nenos coñecían o teléfono de emerxencias, mentres que o 86,40% sabían reaccionar ante un atragoamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.