Supermercados Gadis ratifica o seu compromiso coa vida saudable colaborando, un ano máis, coa Fundación para o Estudo da Obesidade SEEDO, que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade da importancia de adquirir hábitos alimenticios sans e practicar deporte desde a infancia. Por cuarta edición consecutiva, arrincou en Galicia a exposición itinerante co programa “Prevención da obesidade. Alixeira a túa vida” impulsado pola Fundación.
Un tráiler alberga os contidos multimedia, imaxes e textos didácticos adaptados a todos os públicos. Monitores especializados serven de guía para os visitantes, cos que se aborda a cuestión desde os tres bloques temáticos en que está dividida a exposición: pautas para seguir unha dieta sa e equilibrada e a práctica de actividade física; claves para lograr un consumo seguro e sustentable e información para diminuír ou evitar o desperdicio alimentario nos fogares.
O tráiler recala hoxe, mércores 7 de novembro, en Vigo. De 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 pódese visitar na Chaira de Bouzas. Mañá, xoves, repite escenario e horario pola mañá. Pola tarde será de 16 a 19 horas.
A ruta da exposición itinerante ha percorrido máis de 30 localidades de Galicia e Castela e León, situándose en zonas céntricas para que a mensaxe que se pretende transmitir alcance a un maior número de persoas.
En total, son dous meses de ruta saudable por Galicia e Castela e León co obxectivo de sumar novos adeptos a un estilo de vida que permita reducir o índice de obesidade en España que, segundo estudos recentes, duplicouse nas últimas dúas décadas.
A colaboración de Gadis coa Fundación SEEDO forma parte do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, que prioriza as accións relacionadas co fomento do deporte e hábitos de vida sans e equilibrados. Das máis de 2.100 iniciativas do plan correspondentes a 2017, un 37% pertence a esta modalidade.
Ámbito escolar
O tráiler de alimentación saudable é unha actividade complementaria a outras que a Fundación SEEDO e Gadis pon en marcha de forma conxunta ao longo do ano. Unha das máis destacadas é Alimentes, un programa desenvolto no ámbito escolar con visitas aos supermercados, onde monitores especializados mostran aos nenos como realizar unha compra responsable e baseada na alimentación equilibrada. Máis de 8.000 alumnos recibiron formación e información práctica no curso 2017-2018.
A filosofía de vida saudable que promove Gadis é extensible aos supermercados, onde prioriza na súa oferta os produtos frescos, de tempada e proximidade.
Pola súa banda, a Fundación SEEDO está altamente implicada en iniciativas de prevención e tratamento de patoloxías metabólicas. En relación coa obesidade, leva a cabo numerosas actividades en toda España, como talleres prácticos dirixidos a persoal sanitario, encontros e reunións da comunidade científica e programas de prevención con actividades diversificadas dirixidas a nenos e adultos.
Noticias de última hora en Vigo