Os gañadores dos concursos de tapas das sete cidades galegas compiten mañá en Santiago na Gala Showcooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia. O evento, que chega á súa terceira edición, repartirá o Premio do Xurado Profesional, formado por profesionais da gastronomía e do turismo; e o do Xurado Popular, outorgado por unha selección dos asistentes á gala.
A final celebrarase mañá ás 20.00 no Hotel San Francisco Monumento, en Santiago de Compostela. De Tapas por Galicia busca promover o turismo urbano e gastronómico aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos, e especialmente a súa creatividade á hora de idear este tipo de pratos de pequeno formato.
Os cociñeiros finalistas son Rubén G onzález e Sergio Orge, gañadores en 2016, do Cafetín (Pontevedra); Chisco Jiménez e Xalo Muñiz da Taberna da Galera (A Coruña); Pablo Vila, do Hotel Puerta del Camino (Santiago); Pablo Fuentes e Alberto González, de La Taberna de Estrella (Ferrol); Rafael Pérez Iglesias, de La Carpintería (Vigo); Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel (Ourense); e Álvaro Villasante Armas, do Paprica (Lugo).
Decidirán o Premio do Xurado Profesional Cesáreo González Pardal, Secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia ; Belén do Campo Piñeiro, Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agro-alimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro e gañador do premio do público o ano pasado.
Noticias de última hora en Vigo