“Galaicos”: máis de mil anos de historia da provincia de Pontevedra no Museo Arqueolóxico Nacional

A ambiciosa exposición que recalará en Madrid, Valencia e Pontevedra mostra as relacións comerciais dos antigos habitantes das Rías Baixas co Mediterráneo
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Turismo

“Galaicos”: máis de mil anos de historia da provincia de Pontevedra no Museo Arqueolóxico Nacional

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” é o nome da ambiciosa exposición organizada pola Deputación de Pontevedra que mostrará no Museo Arqueolóxico Nacional, a partir do 31 de outubro e ata principios de febreiro, máis de mil anos da historia desta provincia, en concreto o período que abarca desde finais da Idade do Bronce ata o século VI da nosa era.

A exposición foi presentada esta mañá no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, institución que achega a metade das pezas que a compoñerán. “Galaicos” conta ao mundo que somos moito máis que as e os habitantes do noroeste peninsular. Rompe os tópicos de que este era un territorio illado, e mostra as relacións comerciais e humanas co Mediterráneo ”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen se mostrou convencida de que a exposición poñerá á provincia “no mapa internacional do turismo arqueolóxico”. Tras a súa estrea en Madrid a mostra recalará en Valencia, e posteriormente pechará o ciclo no Museo de Pontevedra.

“Galaicos” une paisaxe e patrimonio, e pon en valor a cultura galaica a través dunha selección de máis de 60 obxectos arqueolóxicos, fotografías e ilustracións de gran calidade que se verá complementada e ampliada coa publicación coeditada pola Editora Alvarellos e a Deputación de Pontevedra da guía que leva o nome da exposición. Así mesmo, a mostra contará cunha web específica con toda a información sobre o contido. Na presentación púxose en marcha a conta atrás para a inauguración no Museo Arqueolóxico Nacional, acto ao que acudirá o ministro de Cultura, José Guirao.

Os comisarios de “Galaicos”, Antoni Nicolau, experto en patrimonio cultural, e Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación, destacaron a importancia da colección reunida. “Trátase dunha exposición que explica a relación dun pobo entre dous mundos”, explicou Nicolau. “Cando os romanos chegan aquí atópanse unha sociedade complexa e estruturada que en parte fará fronte a ese invasor”, proseguiu.

A exposición está organizada por Turismo Rías Baixas e concibida como itinerante. Dez entidades prestaron pezas, cinco delas radicadas na provincia: o Museo de Pontevedra, o MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega), Museo Quiñones de León de Vigo, Museo do Mar de Galicia, e Museo Massó. A estas engádense entidades do resto de Galicia como o Museo Provincial de Lugo, o Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón e o Museo Arqueolóxico de Asturias.

Mundo atlántico e mediterráneo

A mostra inclúe sete proxeccións audiovisuais asociadas a sete obxectos procedentes do mundo atlántico e mediterráneo que aparecen en xacementos galaicos: Depósito de Samieira (Poio), espada Sa Idda de Catoira, Askós de Alobre (Vilagarcía de Arousa), caldeiro do monte do Castro ( Ribadumia), ánfora de Bueu, fíbula zoomorfa do monte do Castro e ungüentario oriental de Vigo.

A mostra arrinca na Idade do Bronce final (1500-800 a. de C.) e finaliza no século VI da nosa era, na época da provincia romana de Gallaecia. Cada un deses ámbitos dispón dun texto introdutorio, acompañado de varios obxectos representativos de cada período, entre os que destacan o casco de Leiro, o ronsel de guerreiro de Castrelo do Val, a ola da Cabeciña, un puñal da Lanzada, diadema de Elviña, brazalete de Meis, Tessera hospitalis do Caurel, dolabra das minas de Carlés, ara do monte do Facho, e broche de cinto de Moraime.

“Con esta exposición imos contarlle á sociedade como nosa posición estratéxica de entrada e saída de mercadorías, persoas, linguas e culturas configurounos nunha sociedade aberta e creativa”, proclamou Carmela Silva.

Castro de Landín – Cuntis