Galaxia e TEAVi suman forzas pola inserción laboral das persoas con TEA

A editorial e a asociación sen ánimo de lucro asinan unha alianza para mellorar a integración de persoas con trastorno do espectro autista no mercado de traballo.
Por o 07/06/2017 | Sección: Cultura,Vigo
Galaxia e TEAVi suman forzas pola inserción laboral das persoas con TEA
Compartir en:

A editorial Galaxia vén de sumarse ao programa de inserción laboral ‘Axúdalle a encaixar’ realizado pola Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVi). O acordo entre ambas entidades busca asegurar o acceso das persoas con autismo ao entorno laboral, mediante a aprendizaxe e a mellora do seu rendemento, facilitándolles a realización de prácticas formativas que permitan a súa posterior inserción no mercado de traballo.

O convenio de colaboración asinado polo director de Galaxia, Francisco Castro, e a presidenta de TEAVi, Encarna Fernández, ofrecerá durante dous anos oportunidades de formación para os participantes no programa ‘Axúdalle a encaixar’. Unha iniciativa baseada no emprego con apoio, unha metodoloxía innovadora centrada na orientación e o acompañamento para a inserción en entornos laborais competitivos.

“Para a nosa editorial é crucial que se leven á práctica este tipo de colaboracións. Temos claro que só se lles damos de verdade a oportunidade de formarse como traballadores imos poder aportar algo á mellora do seu mundo e do mundo en xeral”, asegurou Francisco Castro, Director da Editorial Galaxia.

“Estamos moi contentos. É para nós un orgullo que unha empresa fundada en Galicia  e cunha traxectoria de mais de 50 anos aposte pola colaboración con TEAVi no marco da inserción laboral. Necesitamos  persoas como Francisco Castro que se arrisquen sen medo e sen prexuizos na axuda formativa dos nosos rapaces e rapazas para así intentar encaixalos nun mundo laboral que, desgraciadamente, non está deseñado para eles. Grazas a editorial Galaxia por esta aposta na procura duns dereitos laborais para os nosos chicos e chicas e ogallá que isto sirva de exemplo cara o futuro para outras colaboracións”, dixo pola súa parte a Encarna Fernández, Presidenta de TEAVi.

Este acordo permitiu o inicio das primeiras prácticas formativas nas instalacións do centro loxístico e de distribución da editorial Galaxia. Unha colaboración que ambas entidades pretenden ampliar nos próximos meses co fin de abrir estes procesos formativos a máis persoas con TEA interesadas en mellorar as súas posibilidades no mercado laboral. O programa ‘Axúdalle a encaixar’ está aberto a colaboración con outras empresas e entidades na comarca de Vigo.

Dacordo cos últimos dispoñibles de Autismo Europa referentes o ano 2015, a porcentaxe de persoas con TEA desempregadas sitúase entre o 76 e o 90%. Unha cuestión que debe abordarse con urxencia dende as organizacións vinculadas aos colectivos para contribuír a que as administracións públicas tomen medidas para a promoción do acceso ao emprego das persoas con TEA e lograr, por tanto, unha inclusión plena na sociedade e unha mellora da súa calidade de vida.