Cada galego reciclou en 2016 máis de 15 quilos de vidro, un 4 por cento máis que no ano anterior

En total, os galegos depositaron nos contedores verdes máis de 157 millóns de envases de vidro, o que deixa unha media de 58 envases por habitante
Por o 27/03/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
Cada galego reciclou en 2016 máis de 15 quilos de vidro, un 4 por cento máis que no ano anterior
Compartir en:

Ao longo de 2016 cada galego reciclou máis de 15 quilos de residuos de envases de vidro, un 4 por cento máis que no ano anterior. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, e o xerente de zona Galicia-Asturias de Ecovidrio, Germán Fernández, salientaron este esforzo do conxunto da sociedade galega durante unha rolda de prensa na que ofreceron cifras de reciclaxe deste material na totalidade da Comunidade.

A directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental destacou que os galegos reciclaron 41.253 toneladas de residuos de envases de vidro a través do depósito nos contedores verdes ao longo de 2016, o que supón un incremento dun 3,5% con respecto ao ano 2015.

Tal e como informou o xerente de zona de Galicia-Asturias, Ecoembes -unha entidade sen ánimo de lucro encargada do reciclado de vidro en España, xestionou máis de 157 millóns de envases, o que equivale a unha media de 58 envases por cidadán.

Analizando os datos por provincias, a da Coruña foi a única que superou a media de Galicia (15,2 Kg/hab), ao situarse a media provincial en 16,6 kg/hab; mentres que a da provincia de Pontevedra foi de 14,6 kg/hab, en Lugo 14,3 kg/hab e Ourense 12,8 kg/hab.

A directora xeral de Calidade Ambiental e o xerente de zona de Ecoembes coincidiron en que unha das razóns deste incremento débese -en boa medida- á maior concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente o feito de reciclar este tipo de residuos, dándolles unha segunda vida. Para favorecer a colaboración cidadá, incrementouse un 3,3% o parque de contedores ata acadar as 14.718 unidades; o que sitúa a ratio de contenerización nun contedor por cada 185 habitantes, un dato superior á media nacional (1/220 hab).

Cómpre lembrar que na actualidade, todos os concellos de Galicia están adheridos ao Convenio marco asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio no ano 2013.

Evolución dos últimos anos

Tendo en conta os datos de 2016, conclúese que as catro provincias galegas teñen mellorado os seus datos relativos á recollida deste tipo de residuos, comparados coas cifras rexistradas en 2015.

Estas cifras indican que Galicia avanza na boa senda da reciclaxe e outro aspecto importante a destacar é a calidade da recollida selectiva, que presenta uns bos resultados. Esta fracción presenta baixos niveis de porcentaxe de impropios, os cales, desde 2011, mantivéronse estables ao redor do 5,75 – 5,82%. Esta é a segunda fracción coa porcentaxe de impropios máis baixa, só superada polos resultados acadados pola fracción de papel-cartón (1,82%).

Medio ambiente e cambio climático

A directora xeral sinalou que a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita polo cambio climático. Grazas ao vidro depositado nos colectores verdes, os galegos lograron:

– Minimizar a emisión de 27.000 toneladas de CO2, o que equivale a retirar 6.700 coches da estrada durante un ano.
– Evitar a extracción de 49.500 toneladas de materias primas, o que representa cinco veces o peso da torre Eiffel.
– Aforro de 91.600 MWh de enerxía.

Estes resultados son unha gran noticia para a sociedade galega, que consolida un hábito sustentable e responsable e, por encima de todo, para o medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As cifras demostran a eficacia do modelo colector e a súa vixencia e potencial tras case 20 anos de vida na comunidade; pero aínda así, a directora xeral sinalou a necesidade de seguir impulsando iniciativas e actividades que axuden a reciclar o 100% dos residuos de envases de vidro.