Galicia aboará xa na nómina de xaneiro unha suba salarial do 2,25% a todos os seus empregados públicos

A Consellería de Facenda publica hoxe a orde de confección de nóminas para poder aplicar esta suba, que supón unha media de 810 euros anuais por traballador
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Economía,Empresas

Galicia aboará xa na nómina de xaneiro unha suba salarial do 2,25% a todos os seus empregados públicos

A Xunta de Galicia aboará xa na nómina deste mes de xaneiro unha suba salarial do 2,25% a todos os seus empregados públicos, tal como establece a orde de confección de nóminas para o ano 2019 elaborada pola Consellería de Facenda, e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Esta suba salarial supón un incremento medio anual de 810 euros por traballador e, deste xeito, o Goberno galego comeza a aplicar o Acordo de Concertación Social asinado esta semana entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT, que tamén inclúe o desenvolvemento de procesos de funcionarización do persoal laboral fixo e a implantación da carreira profesional na Administración Xeral, entre outros aspectos.

A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa previu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2019.

A Xunta prevé que uns 100.000 traballadores galegos van percibir esta mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballa nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.

Outro 0,25% en xullo

O acordo de concertación social tamén establece a maiores unha suba salarial do 0,25% a partir do 1 de xullo de 2019. Esta última porcentaxe está condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB do 2,5% correspondente ao exercicio anterior, é dicir, o ano 2018.

Este segundo incremento non se poderá aplicar ata que o Goberno do Estado acorde e dea traslado ás Comunidades Autónomas do cumprimento do obxectivo antes mencionado.