A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, compareceu hoxe, por petición propia, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, para informar sobre o Plan galego de vacinación fronte ao Sars-Cov-2. A representante do departamento sanitario galego manifestou que o obxectivo da Xunta de Galicia é que, na segunda quincena do mes de febreiro, xa se terán administradas as dúas doses aos grupos de poboación prioritarios, é dicir, aos maiores e profesionais das residencias e, ademais, ao persoal sanitario da primeira liña, cumprindo así os obxectivos fixados.
O seguinte paso no que xa a está a traballar o Goberno galego é o da vacinación do resto do persoal que traballa nos centros hospitalarios, así como diferentes profesionais do ámbito sociosanitario, e tamén os grandes dependentes.
Tal e como sinalou Carmen Durán, as persoas a vacinar na primeira fase son ao redor de 24.000 residentes e 17.500 traballadores dos centros sociosanitarios, distribuídos en 556 centros. Seguidamente, vanse vacinar a 25.000 profesionais do ámbito sanitario público e 1.200 da sanidade privada, que traballan en primeira liña de hospitais, centros de saúde e puntos de atención continuada.
Ademais, formáronse algo máis de 100 equipos de vacinación, composto cada un por dúas enfermeiras con experiencia previa de vacinación, que recibiron formación sobre as características da vacina, o rexistro, a loxística da campaña, etc. Para este grupo de profesionais, a directora xeral tivo palabras de recoñecemento polo seu traballo, ao igual que para os traballadores das residencias polo seu esforzo ao longo da pandemia, e para que a vacina se teña administrado con rapidez.
Prazos
Carmen Durán sinalou que o mércores comezou a vacinación dos profesionais do ámbito sanitario de primeira liña, estando previsto que o luns se acade a cifra de 20.000 profesionais vacinados. Ata o de agora, lévanse vacinados 12.500, sendo a previsión de que se remate a segunda dose a primeira quincena do mes de febreiro.
Ademais, este domingo comezarase a poñer a segunda dose da vacina no primeiro lugar no que se iniciou a campaña, na Residencia da Porta do Camiño. Estímase rematar esta fase a primeira semana de febreiro.
Carmen Durán destacou que coas 18.525 doses que chegan semanalmente a Galicia, a Xunta vacinou a un total de 19.451 residentes e 13.900 profesionais dos centros sociosanitarios. E dos 556 centros de maiores e discapacidade vacinouse en 521 deles, é dicir, o 93,7%. Tamén destacou que o Plan posto en marcha pola Xunta de Galicia posibilitaría asumir a vacinación dun maior número de cidadáns se dispuxera de máis vacinas.
A responsable do departamento sanitario galego sinalou que o mércores chegou a primeira entrega da vacina de Moderna, un total de 1.800 doses, e agárdase recibir no mes de febreiro e marzo ata un total de preto de 31.000 doses.
Incidiu, así mesmo, en que para vacinar ao persoal sanitario disporase das enfermeiras de medicina preventiva en colaboración cos equipos de vacinación covid dentro do propio hospital. O persoal de hospitalización a domicilio, 061 e hospitais privados desprazarase aos hospitais para recibir a vacina.
O persoal de primaria será vacinado polos equipos de vacinación covid, que irán a cada servizo deste nivel asistencial, para vacinar de maneira conxunta.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.