Galicia acada un novo fito na redución do abandono educativo temperá, co dato máis baixo desde que existen rexistros

O 2020 pechouse cun 12%, máis de medio punto menos ca o ano anterior
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Educación

Galicia acada un novo fito na redución do abandono educativo temperá, co dato máis baixo desde que existen rexistros

Galicia vén de acadar un novo fito na redución do abandono educativo temperá, que cae ao mínimo na nosa Comunidade desde que existen rexistros, un 12% de media no ano 2020. Isto supón reducir en máis de medio punto o dato co que se pechou 2019 (12,6%) e confirma a progresiva diminución desta taxa, en máis dun 50% respecto do dato rexistrado de media no 2009 (25,8).

Este logro é froito do esforzo de todos os axentes implicados no sistema educativo galego, no incremento da súa calidade e en facelo atractivo para a permanencia do alumnado. En recoñecemento deste bo avance, a Xunta de Galicia comprométese a seguir traballando para acadar niveis de países de maior referencia neste eido. En calquera caso, o noso sistema educativo cumpriu xa o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixado nun 15%.

Nesta liña, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade continúa poñendo en marcha diferentes iniciativas en prol da calidade do sistema, como a publicación dunhas instrucións para manter os criterios de avaliación e promoción, evitando os prexuízos do coñecido como decreto do aprobado xeral, ao tempo que incrementou neste curso o plantel de profesorado en 2.300 docentes.

Grazas a este incremento, foi posible implementar de xeito reforzado iniciativas como ARCO, fundamental para o reforzo de coñecementos tras a particularidade do curso pasado, ou os contratos-programa.