Galicia acada unha nova marca histórica nas exportacións dos primeiros seis meses do ano, que medraron un 12,3%

De xaneiro a xuño de 2017 Galicia marcou a súa maior cifra de vendas ao exterior de toda a serie histórica.
Publicado por o día 23/08/2017 na sección de Economía,Galicia,Xunta de Galicia

Galicia acada unha nova marca histórica nas exportacións dos primeiros seis meses do ano, que medraron un 12,3%

As exportacións galegas continúan marcando novos récords e nos primeiros seis meses do ano, de xaneiro a xuño, volven rexistrar unha marca histórica ao incrementarse un 12,3%, dous puntos por riba da media nacional, que é do 10%. Representan o 8,2% do total do Estado e medraron un 20% en termos interanuais.

Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, a comunidade logra así a segunda mellor balanza comercial de España en termos absolutos, sumando 2262 millóns de euros no que vai de ano.

O mes de xuño tamén trae consigo un dato récord, con 1959 millóns de euros exportados e cunha suba do 19,9% con respecto ao mesmo mes de 2016; o que supón 14 puntos máis que a media nacional, do 5,7%. Ademais, a balanza comercial do pasado mes de xuño superou os 500 millóns de euros.

Os sectores que están a rexistrar unha mellor evolución neste período son, por exemplo, o téxtil, que medrou un 12%; o da madeira e as súas manufacturas, cun incremento do 8,1%. Destaca o da construción naval, que creceu un 276%. E tamén osector do moble, cun 28,4% de suba, o aeronáutico e aeroespacial, cun 75,2%, e a industria conserveira, que aumentou as súas vendas ao exterior nun 25,65%.

Cómpre tamén salientar o aumento das vendas a destinos como Alemaña, un 7,9%; Italia, un 12,5%; Holanda, un 26,7%, Marrocos, un 29%, México, un 90,5% e EE.UU, cun 9,1%.

Galicia está a vivir o seu mellor ciclo exportador, logrando que os últimos catro anos sexan os de maiores vendas ao exterior da historia da comunidade. Isto é posible grazas ao esforzo das empresas galegas, que contan co respaldo da Xunta a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.