Galicia amosa o mellor de si mesma durante a fin de semana en Fitur a través de catas comentadas, artesanía e música galega Escoitar

O de hoxe é o último dos días desta feira na que a Comunidade galega se presentou como un destino acolledor e onde se celebraron preto de 40 actos de presentación de diferentes destinos galegos e novidades turísticas para este ano
Publicado por o día 21/01/2018 na sección de Turismo

Galicia amosa o mellor de si mesma durante a fin de semana en Fitur a través de catas comentadas, artesanía e música galega Escoitar

Despois de tres días de intensa actividade profesional con preto de 40 actos de presentación de destinos galegos e novidades turísticas, o expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) mantén abertas as súas portas ao público en xeral na fin de semana, amosando o mellor de si mesma a través de diversas actividades coa gastronomía a artesanía e a música galegas como protagonistas.

Ás degustacións de produtos gastronómicos e catas comentadas das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas súmanse exhibicións de Artesanía de Galicia, cunha mostra en vivo de palilleiras de Encaixe de Camariñas. Do mesmo xeito, tamén se conta coa actuación da Agrupación do Centro Galego en Móstoles e co grupo de raíz galega Radio Cos, con músicos como o prestixioso investigador da música e do baile galego Quique Peón.

A proposta galega da fin de semana complétana os photocalls do Camiño de Santiago, Pazos e Presume de Galicia, e os elementos táctiles e interactivos dispoñibles para os visitantes no renovado expositor galego inspirado nun pazo. Un stand, ademais, premiado na edición deste ano por Fitur como o mellor das institucións e comunidades participantes, valorando o seu deseño e materiais, así como a atención ao público prestada nel.

Neste expositor, os visitantes poden recibir ademais, información dos establecementos Q de Calidade, que a Comunidade lidera a nivel nacional, do Camiño de Santiago, da natureza, gastronomía, festas, experiencias, da Cidade da Cultura de Galicia, das catro provincias cos seus correspondentes xeodestinos, das sete cidades, do mundo náutico, dos mananciais e dos produtos do Clúster Turismo de Galicia, entre outros.

Balance, este luns

A de hoxe é a última das xornadas desta feira internacional, na que Galicia se presentou durante toda a semana como un destino acolledor, con numerosas propostas novidosas e sustentables para todo o territorio. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, fará balance mañá luns da presenza de Galicia desta 38ª edición de Fitur.