Galicia ampliará o tratamento de Hepatite C a todos os pacientes

O conselleiro de Sanidade valora moi positivamente os resultados do Plan estratéxico nacional para a abordaxe desta doenza, que permitiu tratar a unha porcentaxe moi importante de persoas
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de Salud,Sanidad

Galicia ampliará o tratamento de Hepatite C a todos os pacientes

O Servizo Galego de Saúde ampliará o tratamento da Hepatite C aos casos de menor gravidade, os graos F0 e F1, segundo prescrición clínica dos facultativos. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen está a participar no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, onde se acordou tamén ampliar ata o ano 2020 o Plan estratéxico nacional para a abordaxe desta doenza.

O conselleiro valorou moi positivamente os resultados que se están a acadar na execución deste plan, que segundo salientou permitiu tratar a unha porcentaxe moi importante de pacientes desta patoloxía. “Entendemos que en poucos anos podemos chegar á curación dunha enfermidade que ata hai pouco non a tiña”, observou.

Almuiña salientou tamén o acordo acadado polo Pleno do Consello para a creación do rexistro nacional de enfermidades raras, co que se poderá determinar o número de pacientes que hai en España con este tipo de patoloxías. Isto posibilitará incrementar a investigación para buscar tratamentos que curen estas doenzas, asegurou.

Dobre asistencia a pacientes de ELA

Doutra banda, o conselleiro apostou por impulsar a dobre asistencia, sanitaria e social, necesaria para afrontar esclerose lateral amiotrófica (ELA). Isto permitirá axilizar as respostas sociosanitarias segundo as necesidades dos enfermos, impulsando as consultas de acto único en todos os centros sanitarios e simplificando todos os trámites administrativos.

A Xunta, a través das consellerías de Sanidade e Política Social, asinou recentemente un convenio de colaboración coa Fundación Francisco Luzón con este obxectivo, polo que Almuiña ofreceu a experiencia de Galicia ao resto das Comunidades Autónomas para avanzar nese sentido, co obxectivo de traballar para que ante un paciente de ELA todo o sistema traballe de forma eficaz e coordinada, tanto no ámbito social como no sanitario.

Representantes galegos en grupos de traballo

Por último, o titular de Sanidade da Xunta destacou que o Consello Interterritorial aprobou hoxe que Galicia sexa unha das tres Comunidades que conten con representantes na elaboración dos protocolos e guías de práctica clínica e asistencial para a indicación, uso e autorización de dispensación por parte dos enfermeiros de medicamentos suxeitos a prescrición médica.

Tamén se decidiu que, no terceiro trimestre deste ano, un representante de Galicia forme parte como membro titular da Comisión Interministerial do Prezo de Medicamentos; e se aprobou a elección de Sonia Martínez Arca, xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde de Galicia, como membro da Comisión de Avaliación para a Acreditación dos Institutos de Investigación Sanitaria.