Galicia aposta pola reciclaxe e valorización dos plásticos no eido pesqueiro a través do proxecto europeo Oceanwise

Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade de conseguir unha economía circular que garanta o futuro dos nosos mares e das nosas economías
Publicado por o día 18/10/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo,Xunta de Galicia

Galicia aposta pola reciclaxe e valorización dos plásticos no eido pesqueiro a través do proxecto europeo Oceanwise

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo a necesidade de atopar solucións e de adoptar medidas contrastadas que contribúan a paliar a problemática dos residuos plásticos e a cumprir co que establecen os regulamentos europeos. Neste sentido, destacou a concienciación da Consellería do Mar no ámbito da loita contra o lixo mariño, a través da súa participación en proxectos como Oceanwise no que está representada a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).

Así o sinalou durante o seminario Estado da arte sobre plásticos biodegradables (BIOCOM). Reciclaxe e valorización de residuos de EPS procedentes do sector pesqueiro que se celebra hoxe na sede do Cetmar no marco do proxecto Oceanwise. Alí tamén fixo fincapé na necesidade de mellorar a xestión, reciclaxe e valorización do lixo mariño e de conseguir “unha economía circular que garanta o futuro dos nosos mares e das nosas economías”.

Neste cometido e para procurar solucións, a titular de Mar destacou o papel da I+D+i. Un exemplo da actividade empresarial que busca alternativas e que é pouco coñecido, expuxo a conselleira, son os plásticos denominados biocom, que se degradan co tempo baixo a compostabilidade.

Rosa Quintana tamén citou outras iniciativas de prevención, monitorización e modelización nas que participa ou participou a Consellería do Mar e que están dirixidas á redución de residuos e á formación e sensibilización dos actores sociais. Algunhas delas son o Observatorio OMAR, destinado a analizar a xestión e a reciclaxe dos principais residuos inorgánicos xerados na contorna portuaria; Nada pola Borda, dedicado á recollida e caracterización do lixo mariño, e Pescal, proxecto centrado na redución do lixo mariño a través da súa recollida pasiva e activa e no deseño de artefactos específicos para explorar a problemática das redes pantasma.

Outras iniciativas das que forma ou formou parte a Consellería do Mar son 3R FISH, polo que se testou un sistema de xestión e recuperación dos residuos mariños centrándose en redes, polietileno expandido e pilas; ML Style, financiado por Inditex e que busca pór en valor o lixo mariño como materia prima na fabricación de téxtiles ou outros elementos afíns á súa comercialización e CleanAtlantic, que ten como obxectivo mellorar as capacidades para previr, monitorizar e reducir o lixo mariño e aumentar a sensibilización entre os actores marítimos.

Oceanwise

Oceanwise é un proxecto europeo financiado polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico que ten como unha das súas prioridades a interlocución con empresas e entidades vencelladas ao sector pesqueiro buscando a identificación de oportunidades que contribúan a evitar o efecto do residuo Poliestireno Expandido (EPS) abandonado e fomentar a súa reciclaxe e valorización.

Está composto por 13 socios do arco atlántico, entre eles o Cetmar, con experiencia na contorna mariña, economía circular, xestión de residuos e reciclaxe e o seu consorcio está liderado pola Direção-Geral de Recursos Naturais, Segurança e Serviços Marítimos do Goberno de Portugal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.