O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na Coruña nas I Xornadas Internacionais de Madeira 2020 organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en colaboración coa Escola de Arquitectura de Cesuga, onde subliñou que Galicia aposta polo talento verde e polas novas tecnoloxías para impulsar a construción en madeira e o crecemento da industria forestal.
Na súa intervención, o conselleiro referiuse á aposta da Xunta pola bioeconomía no seu obxectivo de contar cunha Galicia máis verde. Neste sentido, a Consellería pretende fortalecer o talento verde apostando polo sector forestal. Lembrou que nos últimos 4 anos se investiron preto de 45 millóns de euros en axudas ao sector para mellorar a formación -con máis de 3600 beneficiarios- e estimular a transformación dixital. E este ano executaranse 14 M€ da Axenda da Industria Forestal para incorporar as novas tecnoloxías, a innovación e o ecodeseño.
Conde destacou o compromiso da Xunta pola bioconstrución, na que a madeira ten un papel protagonista pola súa natureza reciclable, a súa capacidade para absorber CO2 ou pola maior eficiencia enerxética. A Xunta, ademais de promocionar as vantaxes de construír con madeira está executando proxectos exemplares utilizando a madeira en edificios públicos como centros de saúde, escolas infantís ou edificios administrativos.
A industria da madeira continúa a súa expansión e, así, en 2018 facturou un 2% máis que o ano anterior, 230 M€; emprega a máis de 21.000 persoas e incrementou un 4,6% o seu volume de exportacións. A presenza internacional da madeira galega é cada vez maior grazas ao sector do contract no que traballan un centenar de empresas que desenvolven a súa actividade en máis de 100 países con 9000 proxectos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.