A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Patricia Argerey, interveu esta mañá na apertura institucional do segundo encontro virtual do ciclo A era poscovid: redeseñar o mundo. Neste contexto, Argerey afirmou que o deseño sairá reforzado desta situación xerada pola pandemia gañando relevancia, en tanto que ferramenta facilitadora da transformación da ciencia e da tecnoloxía en innovación e, polo tanto, da competitividade económica e do benestar social.
Neste senso, a directora de Gain destacou o potencial do deseño galego e dos seus profesionais para axudar ás empresas, sobre todo ás pemes, a aproveitar oportunidades como a dixitalización, que se ten revelado tan necesaria no contexto actual, e puxo como exemplo os numerosos deseños industriais que xurdiron a raíz da crise sanitaria para dar resposta ás necesidades básicas das persoas.
Precisamente, a interacción entre deseño, ciencia e tecnoloxía, un trinomio que forma parte da esencia do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta, foi o eixe arredor do que xirou este segundo encontro, nun escenario marcado pola incerteza e por novos retos e necesidades, completando así a reflexión iniciada no primeiro encontro do ciclo, no que se analizou a relación entre deseño, empresa e sociedade.
A visión experta de tres profesionais galegos
Neste segundo encontro, participaron tres profesionais galegos de referencia internacional que compartiron a súa visión sobre a relación deseño, ciencia e tecnoloxía con representantes de empresas e centros tecnolóxicos. Os relatores foron o artista Rubén Ramos Balsa, residente en Singapur e fundador da empresa tecnolóxica Mismos; Noemí Cortizas, afincada en Francia e especializada no deseño de produto, materiais, acabados e cores nas compañías Roctool e Ydemaker; e Anxo López, experto na función estratéxica do deseño e líder desta división no BBVA.
A visión destes tres expertos está recollida tamén na publicación Futuros posibles: Deseño para a innovación na era poscovid, editada pola Xunta co obxectivo de compartir coñecemento arredor do deseño como ferramenta estratéxica na etapa que abriu a pandemia do coronavirus para contribuír á posta en marcha en Galicia de equipos multidisciplinares capaces de xerar competitividade empresarial a través da innovación nacida do deseño.
Desde Singapur, Ramos Balsa destacou que a arte ten un papel fundamental na tecnoloxía, non é un mero produto da ciencia, e que o deseño ten a capacidade transversal de unificar o campo analítico ligado á ciencia e o máis aleatorio ligado á arte. Ademais, expuxo que a era poscovid-19, co seu compoñente de crise, é un espazo idóneo para que a arte lle permita á tecnoloxía e á innovación ir máis alá do contexto de certeza que precisa a ciencia.
Pola súa banda, Cortizas puxo en valor a súa especialidade explicando que a combinación entre cor, materiais e acabado permite darlle ao produto un carácter único e xerar no consumidor a percepción e as emocións desexadas. Entre as tendencias máis destacadas neste campo, salientou a sustentabilidade –mediante bioplásticos, materiais compostos e reciclados e procesos máis eficientes–; a autenticidade para ofrecer a paz mental e o benestar asociados ao consumo responsable; e a personalización para reforzar a identidade do consumidor.
Animar as empresas máis pequenas a contemplar o deseño como unha ferramenta moi útil para xerar valor estratéxico e competitividade foi o eixe do relatorio de Anxo López, que defendeu que non só é algo ao alcance das grandes empresas, xa que permite solucionar problemas e, sobre todo, orientarse ás persoas. Ademais, sinalou que aínda que a dixitalización veu para quedar hai que ser capaces de deseñar os servizos sen deixar a ninguén fóra, que realmente sexan facilitadores e non obstáculos.
Próximas citas co deseño
A directora de Gain anunciou que o ciclo A era poscovid. Redeseñar o mundo continuará o 25 de setembro cun novo encontro centrado no deseño de novos espazos como tema principal.
Así mesmo, informou da apertura de inscricións ao ciclo Materiais para o futuro, ligado á Materioteca de Galicia. O primeiro dos catro workshops online deste ciclo terá lugar o 10 de setembro coa presentación de novos materiais hixiénico-sanitarios creados por empresas galegas como resposta á crise do coronavirus. Durante a xornada presentarase tamén a nova base de datos da Materioteca de Galicia, na que se poderán consultar en detalle as características e aplicacións desta mostra de materiais innovadores con selo galego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.