Galicia busca reforzar os seus argumentos a prol dun resultado satisfactorio para o sector pesqueiro no marco do brexit

A Consellería do Mar e o Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga analizan os múltiples escenarios que se abren na actual indefinición do proceso de saída de Reino Unido da Unión Europea
Publicado por o día 07/04/2019 na sección de Mar

Galicia busca reforzar os seus argumentos a prol dun resultado satisfactorio para o sector pesqueiro no marco do brexit

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana unha xuntanza co director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino Heredia, para analizar a situación actual do proceso de saída de Reino Unido da Unión Europea e buscar o xeito de que Galicia poida reforzar os seus argumentos que leven a obter un resultado satisfactorio para o seu sector pesqueiro.

O encontro serviu para afondar na posta en común sobre os múltiples escenarios que se abren na actual indefinición do brexit e nas dificultades que iso implica para abordar o novo informe encargado pola Consellería do Mar ao instituto dependente da Universidade da Coruña sobre a situación deste divorcio e as opcións de acadar un acordo de pesca co Reino Unido que non prexudique á frota da comunidade.

Durante a xuntanza, a conselleira coñeceu de primeira man o traballo que estivo realizando o profesor Sobrino, quen explicou á titular de Mar que hai máis de 20 posibles alternativas, polo que vai analizar e pór en valor a mellor liña xeral para reforzar a capacidade de negociación para que o acordo saia en positivo para a pesca galega. O obxectivo final é ver como reforzar os argumentos de Galicia neste proceso, independentemente de que se alongue ou non.

Esta análise, xa iniciada, será previa ao enfoque final do estudo sobre o brexit, pois para iniciar o traballo é preciso agardar a que se clarifique a situación de saída do Reino Unido da UE, xa que a multiplicidade de alternativas dificulta a orientación concreta do mesmo. Este informe sumarase a outro xa realizado por Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga no ano 2016 por encargo da Consellería do Mar e no que analizou as consecuencias do brexit para a pesca galega.

Todas estas accións forman parte da folla de ruta trazada por Galicia para minimizar o impacto do divorcio entre Reino Unido e a UE sobre os intereses pesqueiros galegos, un proceso no que a Xunta sempre defendeu un acordo que supuxese o mantemento do statu quo actual, con acceso da frota europea ás augas británicas e ao mercado comunitario por parte do Reino Unido.

Frota galega afectada

O obxectivo do Executivo galego é traballar para afrontar todos os posibles escenarios, pese á incerteza actual, e lograr que o impacto no sector pesqueiro sexa o menor posible. Un brexit duro poría en risco a actividade de 66 barcos que faenan en Gran Sol, aos que se suman outros 30 de armadores galegos pero con bandeira británica que tamén operan neste caladoiro, e 20 pesqueiros máis que traballan en augas das illas Malvinas. Os tripulantes afectados entre os dous caladoiros superan os 1.700.