Galicia celebra que a Unesco recoñeza o gran valor do ‘Códice Calixtino’ coa súa inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo

O manuscrito medieval conservado na Catedral de Santiago pasa a formar parte do patrimonio documental mundial máis importante da historia da humanidade
Publicado por o día 01/11/2017 na sección de Turismo

Galicia celebra que a Unesco recoñeza o gran valor do ‘Códice Calixtino’ coa súa inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo

A Xunta de Galicia quere expresar a súa satisfacción e celebra que a Unesco recoñeza o alto valor e significado do Códice Calixtino coa súa inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo. Logo da recomendación do Comité Consultivo Internacional, o manuscrito medieval que se conserva no arquivo da Catedral de Santiago pasa a formar parte desta prestixiosa e transcendental lista, que contén as testemuñas documentais máis importantes da historia da humanidade.

A iniciativa para acadar a súa inclusión partiu da Xunta de Galicia, que asumiu a proposta formulada polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e elevouna ao Pleno do Consello Xacobeo celebrado en Santiago de Compostela en decembro de 2015, coincidindo coa apertura do Xubileo da Misericordia. Esta posibilidade foi avaliada entón polo resto de comunidades autónomas e das institucións con presenza neste órgano presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo. O seu departamento foi o responsable de tramitar a candidatura, a través da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais, e de Arquivos, Bibliotecas e Museos e, dentro dela, da Subdirección Xeral dos Arquivos Estatais, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura.

A inscrición do Liber Sancti Iacobi no Rexistro da Memoria do Mundo pon de manifesto a afirmación da Unesco sobre o seu valor e significación permanente, e evidencia que a súa relevancia transcende os límites do tempo e da cultura, polo que debe preservarse para as xeracións actuais e futuras e ser compartido con todos os pobos do mundo. Así, foméntase a súa protección e concienciación e afonda no valor universal do patrimonio xacobeo.

Testemuña da Europa medieval

Xunto ao Códice Calixtino, a Unesco tamén recoñece as copias medievais que se custodian en bibliotecas e arquivos de España e Portugal. De feito, o nome completo da candidatura foi The Codex Calixtinus of Santiago de Compostela Cathedral and other medieval copies of the Liber Sancti Jacobi: The Iberian origins of the Jacobian tradition in Europe, como mostra da importancia que tiveron na Europa medieval todas estas testemuñas documentais, nas que se recolle a tradición textual ao redor do culto xacobeo e do Camiño de Santiago.

O programa Memoria do Mundo é unha das tres iniciativas complementarias da Unesco coas que busca incrementar a protección e concienciación do patrimonio cultural mundial. As outras dúas son a Convención para a Protección do Patrimonio Cultural e Natural do Mundo, á que está adscrita a Lista do Patrimonio Mundial, e a Convención para a Protección do Patrimonio Intanxible. Galicia amplía así o seu catálogo de bens nestes programas, nos que xa estaban presentes a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, así como os diferentes bens asociados aos referidos itinerarios xacobeos, como é o caso das catedrais de Lugo e de Mondoñedo ou o mosteiro de Santa María de Sobrado.

Valor xacobeo e universal

Este recoñecemento, que potencia o carácter universal do patrimonio xacobeo, prodúcese precisamente en plena conmemoración do 30 aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, celebración ao redor da cal Turismo de Galicia está promovendo un amplo calendario de actividades. A través delas búscase poñer o acento na contribución da ruta xacobea na construción da identidade continental.

O Códice Calixtino contribuíu de xeito decisivo a afianzar o papel da cidade de Santiago de Compostela como meta dos peregrinos que, desde os máis remotos lugares de Europa, acudían ata a tumba do apóstolo Santiago. Os distintos libros que integran este manuscrito iluminado, especialmente o Libro V, definen os fundamentos da peregrinación e o papel que a Igrexa compostelá, dirixida polo arcebispo Diego Xelmírez, desenvolveu no seu impulso.

Compilación de cinco libros

Dos cinco libros que compoñen o Códice Calixtino, o primeiro é o de maior extensión. Nel se recollen contidos litúrxicos: misas, homilías, sermóns, cantos, bendicións, procesións e relatos sobre a Paixón de Santiago o Maior. O Libro II recompila os milagres do apóstolo en diversos lugares dos camiños, entre eles o mar. No Libro III nárrase a Translación do corpo do apóstolo desde Xerusalén a Iria Flavia e o seu traslado ata Santiago de Compostela.

O Libro IV, tamén chamado Crónica de Turpín, de gran difusión, relata en clave literaria as aventuras de Carlomagno en Hispania. Por último, o Libro V, o máis coñecido, é unha sorte de guía das rutas xacobeas. Nas súas páxinas descríbense os camiños, os santuarios, as xentes, comidas e costumes. Contén recomendacións e advertencias e describe o aspecto de Santiago de Compostela e a súa catedral románica nas primeiras décadas do século XII.

A declaración supón unha chamada a continuar traballando na conservación deste legado.