Galicia comezou o ano cun mes de xaneiro cálido e con precipitacións que se repartiron de forma heteroxénea

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia revela que foi un período marcado polas situacións anticiclónicas e a entrada dalgunhas borrascas, que se concentraron sobre todo na metade e na recta final do mes
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia

Galicia comezou o ano cun mes de xaneiro cálido e con precipitacións que se repartiron de forma heteroxénea

O ano 2020 arrancou en Galicia marcado pola normalidade desde o punto de vista climatolóxico. Segundo se recolle no avance do informe mensual de MeteoGalicia, xaneiro foi un mes cálido no conxunto da comunidade e con rexistros pluviométricos que se moveron moi preto do agardado, con apenas un 4,3% máis de precipitacións, se se comparan cos valores medios do período histórico de referencia 1981-2010, e un reparto bastante heteroxéneo.

Xaneiro estivo caracterizado por sucesivas situacións anticiclónicas, aínda que se viron interrompidas pola chegada de borrascas particularmente activas a mediados e finais do período. Esta variabilidade contribuíu a que os valores medios tanto da temperatura como das chuvias fosen no conxunto do mes bastante próximos ao habitual.

A principal anomalía, en todo caso, rexistrouse nos termómetros, que a pesar de arrancar con moito frío, acabaron superando lixeiramente a temperatura media agardada para esta época do ano. Así, o informe de MeteoGalicia conclúe que o mes foi en xeral cálido tendo en conta que a media situouse 0,6 graos por riba dos valores históricos. Esta anomalía positiva foi moi similar á de xaneiro de 2018 aínda que contrasta coa situación vivida o ano pasado, cando as medias quedaron 0,8 graos por debaixo do habitual.

En canto ao comportamento por comarcas, os termómetros situáronse por enriba da media histórica en toda a comunidade, acadándose os valores máis elevados no leste de Lugo, onde a anomalía chegou a ser de 2 graos centígrados. No extremo contrario, foi na zona da ría de Noia onde se rexistraron as temperaturas medias máis baixas no mes de xaneiro.

Polo que respecta ás precipitacións e tendo en conta os datos das 16 estacións máis representativas de Galicia, choveu de media un 4,3% máis do previsto. A evolución da chuvia no período histórico 1981-2010 revela que o comportamento pluviométrico do mes de xaneiro nos últimos tres anos foi bastante similar.

Así, desde 2018 a precipitación acumulada na comunidade ao longo deste mes situouse sempre algo por riba do agardado, unha situación que contrasta claramente co sucedido en xaneiro de 2017, que cun déficit de chuvia do 62% foi un dos xaneiros máis secos dos últimos 20 anos, só superado polos de 2012, 2006 e 2005.

A chuvia concentrouse en poucas xornadas pero viu acompañada de frontes moi activas, ata o punto de que nalgúns lugares de Galicia bastaron só tres días para recoller a práctica totalidade da auga habitual ao longo de todo un mes de xaneiro.

Por zonas e aínda que a media en toda Galicia achegouse moito á normalidade durante este mes, a distribución xeográfica das chuvias foi moi desigual de xeito que na metade noroeste da comunidade chegaron a duplicarse os valores considerados normais mentres que na metade sueste houbo localidades nas que choveu ata un 60% menos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.