Galicia considera sumamente decepcionantes as cotas de pesca fixadas para o ano que vén pois supoñen rebaixas en moitas especies de interese para a súa frota

A comunidade galega ve cativos os avances obtidos en relación coa proposta inicial da Comisión Europea a pesar de tantas horas de negociación e tendo en conta tanto o contexto de pandemia actual como a incerteza derivada do brexit
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Galicia,Mar,Xunta de Galicia

Galicia considera sumamente decepcionantes as cotas de pesca fixadas para o ano que vén pois supoñen rebaixas en moitas especies de interese para a súa frota

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cualificou o acordo acadado hoxe no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea sobre os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2021 como sumamente decepcionante pois implica rebaixas en moitas das especies de interese para a frota galega e supón avances moi cativos en relación coa proposta inicial da Comisión Europea.

A representante da Xunta lamentou que tras tantas horas de negociación e con tantos intereses en xogo non houbese un mellor resultado, especialmente tendo en conta o contexto de pandemia existente na actualidade así como a incerteza derivada do brexit, dous aspectos que poñen en risco a rendibilidade da frota. Por iso, indicou que houbo falla de sensibilidade por parte da Comisión Europea cara un sector que foi declarado esencial durante a alerta sanitaria polo coronavirus e que fixo un gran esforzo para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía, en ocasións incluso a pesar de non ser rendible.

Nesta liña, a titular de Mar -que participou no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea en representación das comunidades autónomas de España pero que non puido estar presente directamente nas negociacións polas restricións de aforo polo coronavirus- asegurou que o resultado obtido non é para estar satisfeitos. Ao mesmo tempo lamentou que o Executivo comunitario primase os aspectos medioambientais por enriba dos económicos e sociais e que non tivese en conta o esforzo realizado nos últimos anos polo sector pesqueiro galego para manter en bo estado os caladoiros nos que faena.

O acordo acadado inclúe recortes do 7% no linguado en augas de Francia, do 5% na pescada sur, do 20% no linguado do Cantábrico e de preto do 4% na cigala en augas de Portugal así como do 15% no golfo de Cádiz. Mentres, mantense estable a cota do abadexo nas costas de Francia.

A conselleira do Mar destacou como única boa nova a suba do 3,5% na cota de anchoa en augas do Cantábrico, pero remarcou que ese incremento é unha mostra máis da rigorosidade coa que actuou a Comisión Europea pois trátase dunha especie cuns resultados científicos históricos. Os informes mostran recrutamentos altos e un estado da biomasa 15 veces superior ao límite de conservación do recurso así como a segunda cifra de abundancia máis alta da serie histórica, que comeza en 1987.

Mediterráneo

Rosa Quintana tamén lamentou os escasos avances logrados no axuste do esforzo pesqueiro no Mediterráneo occidental, que se reduce un 7,5% e que Galicia considera que se podía facer de xeito máis paulatino, para mitigar o impacto na frota. Outro asunto preocupante é o establecemento de medidas técnicas de protección do bacallau en Gran Sol, que fai prever o endurecemento da normativa para as artes empregadas polo arrastre galego a pesar de ser altamente selectivas.

Por este motivo, a delegación galega considera o acordo totalmente negativo para o Cantábrico-Noroeste e moi preocupante á espera do que ocorra en Gran Sol ante a negociación do brexit. Polo momento nestas augas, e para os tres primeiros meses de 2021, establécense unhas cotas estables e proporcionais ás fixadas para este ano.

Compromisos

Entre as únicas cuestións positivas que salientou a titular de Mar, e que aínda terán que plasmarse en feitos no futuro, está o compromiso de que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) avaliará aquelas especies que están en bo estado biolóxico de cara a flexibilizar os seus TAC e paliar a subutilización de cotas derivada da pandemia.

A este compromiso súmase o de avaliar de novo a cigala do Cantábrico para incluír os bos datos da campaña científica de 2020 no informe do CIEM de 2019, que prevía o peche da pesqueira durante tres anos. Neste sentido, Galicia defendía o establecemento dun TAC anual que permitise a apertura da pesqueira en condicións sostibles e acordes cunha análise rigorosa do estado do recurso como se fixo nos últimos anos para coñecer a súa evolución.

Ante este mal resultado, a conselleira do Mar ofreceu á frota pesqueira galega todo o seu apoio e compromiso de traballo co obxectivo de rearmarse e de demostrar ás autoridades europeas que o sector ten futuro. Neste sentido, animou a manter a liña de colaboración dos últimos anos para acadar bos resultados e garantir a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e do propio sector. Un obxectivo no que, dixo, non escatimará esforzos tratando de facer ver ás institucións comunitarias que na xestión pesqueira é fundamental ter en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.